InicioOrientalA PontenovaAsí será a nova residencia da Pontenova... todos os cuartos mirarán cara...

Así será a nova residencia da Pontenova… todos os cuartos mirarán cara ao río Eo

José Tomé xunto co Alcalde deu a coñecer este venres os detalles desta nova residencia que institución provincial construirá cun investimento de 2M€ co mesmo modelo asistencial que as 6 residencias que a día de hoxe ten en funcionamento a Deputación.

Publicada o

- Advertisement -

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres xunto ao Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, o proxecto do Centro de Atención a Maiores que a institución provincial construirá neste concello mariñano. Un acto que tivo lugar na parcela onde se levantará esta dotación social que se atopa na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz.

“Chegar ata este punto é o froito dun traballo constante, que seguiremos facendo porque queremos cumprir cos compromisos que a Deputación ten adquiridos cos concellos e porque achegar os servizos públicos á xente é imprescindible para manter a poboación e para que o noso rural siga vivo”, dixo José Tomé.

O Presidente detallou que “para sacar adiante este proxecto, a Deputación de Lugo inviste preto de 2M€, aos que hai que engadir a parte do Concello, que chega a uns 300.000€”, concretou. Este investimento destínase ás obras de construción da residencia, pero tamén incluíu a redacción do proxecto, a licenza municipal e a adquisición da parcela, entre outros trámites administrativos que son necesarios.

ASÍ SERÁ A RESIDENCIA DA PONTENOVA

A residencia da Pontenova construirase nunha parcela cunha superficie de 1.500 metros cadrados. Será un edificio de dúas plantas, un semisoto e un ático e terá capacidade para 30 prazas de residencia e 20 prazas de centro de día. Na primeira e na segunda planta haberá 24 dormitorios, con habitacións individuais e dobres. Todos os cuartos estarán orientados cara o río Eo, xa que se trata dun edificio “pensado para que se integre neste enclave, con zonas de paseo e de descanso ó aire libre.

A planta baixa do edificio albergará unha cociña, un comedor, unha área de recepción, unha sala polivalente, unha sala para terapia ocupacional, aseos adaptados, almacéns e diferentes cuartos multiusos. A primeira planta contará con habitacións individuais e dobres cos seus correspondentes baños, zona de enfermería con dormitorio e aseos, e cuartos de limpeza.

Na segunda planta tamén se disporán habitacións individuais e dobres cos seus correspondentes baños e cuartos de limpeza. Pola súa banda, no ático construirase unha zona de mantemento.

MODELO PROPIO

O Centro de Atención a Maiores da Pontenova contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. José Tomé Roca concretou que se creará seguindo o modelo propio que ten a Deputación de Lugo para a súa Rede de Residencias provinciais, que difiren das do sistema da Administración autonómica. “Son centros públicos cunha xestión pública e con prazas 100% públicas e polo tanto, o noso modelo pon no centro ás persoas, tendo como único obxectivo prestar a mellor atención posible aos usuarios e usuarias, sen buscar o negocio nin a rendibilidade económica”.

Á súa vez, o Presidente tamén especificou que as residencias da Deputación garanten o arraigo porque se dá prioridade no acceso ás prazas ás persoas do concello no que se asentan os centros. “É dicir, os veciños e veciñas da Pontenova serán os primeiros que poderán solicitar no seu día praza no centro que construiremos aquí”, explicou. En terceiro lugar, Tomé Roca puxo o foco en que o modelo de residencias da Deputación crea emprego e actividade económica.

Actualmente a Deputación ten en funcionamento seis residencias nas localidades de Ribadeo, Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, coa previsión de abrir outras dúas neste 2021: unha en Meira e outra en Navia de Suarna.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...