A Pontenova terá unha das tirolinas máis longas de Galicia co obxectivo de atraer turistas

A tirolina recrea o antigo funicular aéreo da mina e terá 330 metros de longo e 50 de alto.

Complexo da antiga mina Consuelo - Boullosa, na Pontenova /turismodaponenova.com

A Mariña xoga na Champions League. Se o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, presumía hai uns días do maior tobogán acuático de Galicia, este venres é o da Pontenova, Darío Campos, o que sacou peito coa tirolina que quere instalar no seu concello e que será das máis longas de Galicia.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Pontenova presentaron este venres nesta localidade o proxecto do novo complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso, que inclúe o proxecto desta tirolna, con máis de 330 metros de lonxitude e a 50 metros de altura. A institución provincial achega 300.000€ para esta dotación, que se suma, entre outros investimentos, aos preto de 2M€ que a entidade dedica á construción do Centro de Atención de Maiores do concello, un proxecto en proceso de contratación que o Presidente e o rexedor presentaron o mes pasado.

O complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso será máis que un parque de aventuras. Está pensado para que as persoas vivan unha experiencia única, con encanto, un espazo para o lecer integrado na natureza e que aproveita o legado mineiro da vila para o goce dos visitantes dende múltiples puntos de vista: cultural, deportivo, educativo e recreativo.

A tirolina recrea o antigo funicular aéreo da mina e será un elemento máis dentro dun conxunto de actividades enlazadas entre si. Atravesará o río Turia, cruzando da ladeira da mina Consuelo ata a mina do Boulloso. A espeleoloxía, xunto co sendeirismo, tamén serán outras das actividades que se fomentará no novo complexo.

Pilar García Porto, José Tomé e Darío Campo facendo un percorrido pola Pontenova onde presentaron o proxecto da tirolina máis grande de Galicia / Deputación de Lugo

“SATISFACCIÓN”

“É unha satisfacción volver á Pontenova en tan pouco tempo para presentar proxectos tan importantes para os veciños e veciñas deste concello da Mariña e da provincia de Lugo”, subliñou José Tomé no acto de presentación da tirolina. “Penso que esta tirolina se vai consolidar como un referente do ocio activo e familiar na provincia, pero tamén fóra nas nosas fronteiras. Polo tanto, vai situar nun novo nivel á xa moi interesante oferta turística da Pontenova”, dixo o Presidente da Deputación na súa intervención.

José Tomé detallou que “estamos a falar dunha obra importante e singular”. Explicou que é “importante” tanto polo investimento económico, porque a Deputación de Lugo aporta 300.000€ para que este novo recurso de lecer e turístico sexa posible, e ademais cede o tramo de estrada provincial no ámbito de influencia da tirolina; e importante tamén porque “a tirolina que se instalará no complexo será das máis longas de Galicia, con máis de 330 metros de percorrido, entre a mina Consuelo e o forno de Boulloso”.

Concretou, así mesmo, que é “singular” pola súa localización, “xa que contribúe a recuperar para o ocio e o desfrute dos veciños e visitantes a ruta que facían as vagonetas con mineral das vellas minas da comarca. Deste xeito, unimos ocio e cultura, impulso do turismo e promoción da nosa historia”, afirmou Tomé Roca.

O Presidente lembrou que o turismo relacionado coa arqueoloxía industrial está experimentando un avance importante en España e en Europa. “A recuperación de vellas minas, de percorridos por ferrocarril ou de instalacións industriais dos séculos XVIII e XIX estase convertendo nunha ferramenta para dinamizar o turismo no rural ou en lugares que non están nas rutas maioritarias”, sinalou o mandatario provincial.

1 COMMENT

  1. Felicidades, una iniciativa diferente por fin. Que sería incompleta si en el proyecto no se incorpora la posibilidad real de visitar el mazo de A Pontenova. Fácil.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here