Barreiros reclama á Xunta persoal que informe á veciñanza sobre medidas que adoptar en caso de ataque de lobos

O Concello de Barreiros solicita a presenza de técnicos que asesoren ante a presenza destes cánidos en áreas densamente urbanizadas como é a costa da Mariña.

Lobo. AXM

O Concello de Barreiros vén de dirixir un escrito á Consellaría de Medio Ambiente para solicitar do departamento autonómico que envíe persoal do mesmo ao municipio para celebrar unha reunión coa veciñanza na que se informe sobre as medidas a adoptar no caso de ataques de lobos.

Ante a proliferación de ataques a gando nas últimas semanas e vendo o desconcerto existente entre a poboación, a alcaldesa, Ana Ermida, dirixiu un escrito á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Xefatura Territorial en Lugo no que traslada a existencia de ataques de lobo no municipio e o desconcerto da poboación, xa que “esta situación, moi habitual noutras zonas do País, é novidosa e excepcional ata este momento no caso do noso municipio. E máis, porque a zona onde se teñen producido estas actuacións é a zona costeira, amplamente habitada e urbanizada. Porén, parece confirmada a existencia deste animal nas proximidades e, no mesmo sentido, a autoría dos ataques por dita especie.”

A rexedora manifesta que “sendo conscientes de que estas situacións poden ser habituais noutros puntos xeográficos galegos, o feito de que se produzan en Barreiros está a causar desconcerto, alarma e, en moitos casos, desesperación das persoas afectadas; ao non atopar respostas da administración na súa burocracia institucionalizada.” E insiste en que “o pouco habitual que é esta situación e que se estea a producir desde tempos recentes, tamén implica en moitos casos un descoñecemento das posibles actuacións ou mesmo da axuda que poden recibir as persoas afectadas de cada administración.”

Por estas razóns e “sendo conscientes de que o tema é complexo, consideramos necesario que a Consellaría de Medio Ambiente, como administración con competencia directa no tema, poida informar directamente á veciñanza da nova situación existente, das consecuencias e das actuacións que se poden levar a cabo por cada parte implicada.”

Por esta razón, veñen de cursar un convite para asistir a unha reunión coa veciñanza na que poidan resolver dúbidas e a Xunta de Galicia poida explicar de xeito fidedigno a situación e modo de actuar, así como recoller as inquedanzas e/ou resolver dúbidas da veciñanza en xeral e das persoas afectadas. Neste sentido o Concello de Barreiros ponse a disposición da administración galega para organizar un encontro público no que poida acudir persoal técnico da Consellería para tratar esta cuestión.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here