InicioOrientalBarreirosBarreiros renovará a cuberta do pavillón municipal en San Cosme

Barreiros renovará a cuberta do pavillón municipal en San Cosme

A alcaldesa Ana Ermida quixo agradecer a disposición da área de deportes da Deputación, dirixida por Efrén Castro, que achegará a totalidade da axuda necesaria para levar a cabo dita obra.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros vén de anunciar un novo investimento nas instalacións deportivas municipais, consistente na renovación da cuberta do pavillón municipal, situado en San Cosme. Este investimento, que se realizará ao abeiro dun convenio coa área de Deportes da Deputación Provincial, ascenderá a máis de 139.000 euros. Con estas obras preténdense solucionar os problemas de goteiras existentes en dita instalación, cuxa cuberta, de preto de 30 anos, presenta un importante estado de deterioro que non é posible arranxar.

O concelleiro de dinamización, Dani García, encargado da área de deportes municipal explica que nos últimos catro anos se investiron en arranxos en dita cuberta máis de 7.200 euros; sen que se lograse unha reparación eficiente da problemática; debido ao desgaste das chapas existentes.

Neste sentido, o proxecto realizado polos servizos técnicos municipais afrontou a necesitade de instalar unha nova cuberta que garanta as condicións necesarias para o uso do pavillón municipal sen incidencias de ningún tipo. Incorpora así a colocación de panel sándwich de aluminio de 70mm de espesor de illamento, a colocación de lucernario no pico da cuberta e ambos lados da mesma, de forma lonxitudinal, con pranchas de policarbonato de 80mm de espesor, os remates de cumbreira e perimetrais con chapa de aluminio, a instalación de canalóns interiores e a súa conexión coas baixantes existentes e os remates cos paramentos verticais de fachada.

A alcaldesa sinalou a importancia de afrontar este investimento nunha instalación que dá servizo a unha parte moi importante da poboación, xa que é utilizada a diario polas escolas deportivas municipais, polos equipos locais de fútbol sala e por asociacións deportivas. Ademais acolle en numerosas ocasións outro tipo de eventos sociais, como o pasado entroido que se trasladou a esta instalación por causas meteorolóxicas.

Ana Ermida quixo agradecer a disposición da área de deportes da Deputación, dirixida por Efrén Castro, que achegará a totalidade da axuda necesaria para levar a cabo dita obra. O Concello de Barreiros tamén solicitara axuda para este investimento á Xunta de Galicia, que non se fixo efectiva ao non existir liñas de axuda neste momento para tal fin.

En calquera caso, a alcaldesa manifestou a intención do goberno municipal de continuar realizando investimentos nas instalacións deportivas -coma o espazo do ximnasio municipal-, para mellorar e permitir o seu uso en condicións de seguridade, ao igual que xa se tramitou para a pista de pádel. Neste sentido, asegura que continuarán “buscando axudas de todas as administracións para poder afrontar investimentos que no caso do Concello de Barreiros son inasumibles en solitario. Por iso, tamén imos priorizando os mesmos en función dos servizos e das persoas beneficiadas polos mesmos.”

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...