O pintor lucense Isidro Alvariño Martínez faleceu este venres e para este sábado fixouse a súa cremación cunha posterior misa na máis estrita intimidade na igrexa parroquial de Santiago de Reinante.
Por parte da familia, e segundo recolle a necrolóxica, solicitouse que, en lugar de enviar flores, se fixese unha doazón á Asociación Española de Loita contra o Cancro, ademais de agradecer as mostras de agarimo e de pésame.
Natural de San Miguel de Reinante, en Lugo, Alvariño foi un pintor autodidacta que con só dez anos realizou o seu primeiro óleo. Tras desprazarse a Madrid para cursar os seus estudos de pintura, viaxou a Francia interesado polas obras impresionistas.
A mediados da década dos 70, comezarían as exposicións da súa obra, pintando xa, nos oitenta e, por encargo, o retrato do entón presidente de Estados Unidos Ronald Reagan. Tamén expuxo a súa obra en París, ademais de figurar en coleccións privadas.