-Como se crea un proxecto como o das Bibliotecas Rurais en Barreiros?
Desde que entramos en 2019, unha das ideas que sempre quixemos aplicar foi achegar a lectura a todas as parroquias. Tiñamos varios proxectos que coa pandemia quedaron atrasados. Agora tivemos unha oportunidade por compartirmos un obradoiro de dinamización co Concello de Ribadeo e isto permitiunos materializar esta idea dándolle vida a eses espazos nas diferentes parroquias.
-Estes espazos eran antigas escolas unitarias, lugares cedidos pola veciñanza…?
Con todas estas actividades buscamos que os lugares teñan vida, para iso falamos con todas as asociacións das parroquias e con iso ver o grao de implicación que mostraban. Desa maneira podiamos observar se sería posible levar adiante e se podería manterse no futuro. Nun dos casos é unha escola antiga e noutro caso é un local social, ambos municipais, mais é onde realizan actividades diferentes asociacións.
-Cal é a idade media ou público medio que pode usar estas bibliotecas?
Cando se abran as bibliotecas estarán a disposición de toda a veciñanza, da propia parroquia como do resto do Concello. A media de idade, non podo dicir, hai persoas de todas as idades e mesmo xente que vén en determinadas épocas do ano. Tamén esperamos o uso deses espazos como puntos de reunión e o inicio para levar máis actividades a ese local.
-Pediades que quen puidese, doase libros de segunda man ou sen moito uso.
O proxecto aínda está botando a andar, mais si que nos trasladaron o interese de varias persoas para a doazón de libros, aínda así, é cedo para coñecer o alcance. Con todo, está aberto a toda a poboación e pode deixar a súa doazón tanto no Concello como nos locais.
-Esperan unha boa participación?
Si, esperamos tal, pois xa sabemos das ansias de colaboración desde a xente pois houbo varias persoas avisando de ter certa cantidade de libros para doar. Non sabemos como serán as achegas pois logo teremos que seleccionar os libros, descartando aqueles en malas condicións.
-Unha biblioteca reúne libros de diferentes categorías, estilos, etc., interésavos algún tipo de libro, máis formativo, novela, infantil, xuvenil….?
Non temos preferencias, todo canto se poda achegar será bo. O mellor das bibliotecas é a súa variedade, para que a xente poida escoller e informarse con divulgación, formación e mesmo novela. En tal caso, a doazón será o 50% desa biblioteca e o demais serán novas adquisicións e con iso poderemos darlle un pulo máis importante.
-Gustariavos que as persoas doantes recollan algún tipo de valores no momento de facer a doazón?
Esperamos ver un espírito de colaboración entre os veciños, pois a cultura nunca morre, sempre se pode transformar. Todos e todas temos libros na casa aos que xa lles demos unha volta e temos a sensación de que non van ter máis vida, desta maneira outras persoas poderán aproveitalos de novo.
-Desde a Concellaría de Cultura, se a idea ten éxito, gustaríalle darlle paso a unha iniciativa semellante ou ampliar a actual?
Si, xa dicía que este é un primeiro paso de chamado para outros lugares e vexan como isto vai a máis e que se interesen por encher espazos cunha biblioteca. Tamén é necesaria unha asociación detrás que promova actividades e despois dinamice o espazo. Temos máis ideas aínda que polo de agora non se poden contar.