A Mariña Patrimonio organiza unha visita ao Concello de Barreiros co que pechará o ciclo das visitas que tiña previsto realizar pola comarca. Debido a que se trata da última excursión desta serie, a asociación busca que sexa “algo especial”. A visita será o 10 de xuño e estarán acompañados pola Irmandade Augas Santas Santo Estevo do Ermo de Barreiros, que organizan o X Festival Augas Santas, coa súa festa gastronómica do porquiño ao espeto.
O desprazamento será en autobús visitando varios lugares de interese patrimonial en Barreiros, con xantar de porquiño e año ao espeto en Santo Estevo e remataremos a xornada cun percorrido guiado por este lugar máxico. As visitas estánse preparando nestes momentos e daranse a coñecer cando o programa estea definitivamente pechado.
Tendo en conta que a comida ten un prezo de 25€, o custo da actividade é de 30€ para socios e 40€ para non socios, incluíndo transporte e comida. Por cuestións de loxística, e para poder comunicarlles con tempo suficiente á Irmandade de Santo Estevo o número de persoas que participarán no xantar, cómpre a confirmación canto antes da asistencia das persoas que desexen ir. A poder ser antes do día 4 de xuño.
Nas antigas romarías que se celebraban en honra de Santo Estevo, a xente levaba un pano e achegábase á fonte das Rosas. Alí, mollaban o pano nas súas augas milagreiras e pasábano pola cara, para curar as “rosas” da pel, ou ben aplicábano noutras partes do corpo onde puideran ter algún problema cutáneo. Despois, penduraban o pano nas pólas das árbores dos arredores da fonte. “Ultimamente, estamos vendo que este costume ancestral vai indo a menos. Por iso, animamos aos participantes nesta visita ao patrimonio de Barreiros que traian cadanseu pano para deixar nas árbores da fonte das Rosas”.
Desde Mariña Patrimonio lévanse organizado visitas nos últimos anos polos diferentes concellos da comarca. Estas visitas permitiron dar a coñecer un valioso patrimonio “ao que sería máis difícil acceder sen este tipo de actividades. Unhas actividades que foron acollidas con interese durante todo este tempo por un bo número de persoas”.