A alcaldesa de Barreiros pide unha reunión con Rueda coa subministración de auga no centro

Ana Ermida fai fincapé na necesidade de “colaboración e a lealdade institucional que deben rexer o funcionamento das Administracións e ao papel xogado pola administración autonómica en relación aos servizos neste municipio”.

Ana Ermida. AXM

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dirixiu na mañá de hoxe un escrito ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para solicitarlle unha reunión na que abordar a situación do municipio.

A problemática manifestada nos últimos días no abastecemento de auga precipitou a solicitude desta xuntanza, na que traslada a incapacidade das infraestruturas existentes que impide subministrar auga potable suficiente para toda a poboación.

A rexedora explica no escrito que “o concello de Barreiros é un concello de pouco máis de 3.000 habitantes que se ten convertido nun imán turístico moi importante, froito dun desenvolvemento urbanístico do que son consciente de que vostede é perfectamente coñecedor.”

Nese sentido, Ana Ermida remarca que “a situación de Barreiros difire notablemente doutros concellos que tamén se poden ver afectados neste servizo, porque á situación de seca que padecemos, hai que engadir neste caso a realidade urbanística en Barreiros, que non é compartida nesa dimensión por ningún outro concello da comarca.”

A alcaldesa fai fincapé na necesidade de “colaboración e a lealdade institucional que deben rexer o funcionamento das Administracións e ao papel xogado pola administración autonómica en relación aos servizos neste municipio” para solicitar a implicación da administración galega e do seu máximo dirixente.

Menciona nomeadamente que “as redes de abastecemento e saneamento, así como os sistemas de depuración, son claramente deficitarios para asumir este incremento poboacional. Este feito, foi constatado xa no seu momento, cando desde o goberno da Xunta de Galicia se propuxo un investimento de 14 millóns de euros á hora de retirar uns contenciosos que versaban sobre a existencia ou non de servizos que deran cabida á concesión de determinadas licenzas municipais. Superada esa fase sen que se realizase dito investimento, pode constatarse a falla de servizos para tal, o que provoca verdadeiros problemas para garantilos durante as épocas de maior afluencia; tendo que atender unha poboación estimada de máis de 12.000 persoas cos medios dun concello de 3.000 habitantes.”

Ana Ermida manifesta o convencemento de que o presidente atenderá a súa demanda, dada a súa implicación e a do seu goberno á hora de atender as necesidades dos concellos galegos e, no caso concreto do Concello de Barreiros, que xa se ten manifestado noutras ocasións.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here