A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de dinamización, Dani García, visitaron as obras que se están a executar no pavillón municipal, onde xa está finalizada a renovación da cuberta por parte da empresa adxudicataria, Coto Estudios y Construcciones, SL.
Nestas obras, que suporán un investimento de 113.377 euros financiados ao abeiro dun convenio coa área de deportes da Deputación que dirixe Efrén Castro, contémplase a renovación da cuberta do pavillón e a apertura dunha saída lateral de emerxencia, da que carecía a instalación.
Dani García explicou que “se priorizou este investimento, xa que o estado da cuberta era moi deficiente e xeraba problemas de goteiras e filtracións que teñen repercutido nas actividades que se desenvolvían no pavillón.“ Deste xeito, o goberno municipal continúa cos proxectos de mellora das instalacións deportivas, xunto coa renovación da pista de pádel que se atopa en execución.
Nunha seguinte actuación que xa se atopa administrativamente en marcha, adecuarase o ximnasio municipal para o seu uso e dotarase ao pavillón de novos servizos – como unha sala de enfermería da que carece- para poder proceder á utilización das instalacións con plena seguridade.
Estas obras, atópanse actualmente en licitación, estando aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 14 de setembro. O importe das mesmas ascende a un total de 142.697,39 euros, financiados con 50.000 euros de axuda da Dirección Xeral de Deportes da Xunta e o resto con cargo a un convenio coa área de Deportes da Deputación.
Co fin de dotar ao ximnasio de novo material, tamén se vén de adquirir maquinaria deportiva por importe de 13.664,95 euros, ao abeiro dunha axuda da Dirección Xeral de Deportes de 10.000 euros, asumindo o restante o Concello.
A alcaldesa manifestou a satisfacción do goberno por “continuar sacando adiante os proxectos que temos en mente e que requiren de tempo e esforzo de investimento e na busca de finanzamento, debido á delicada situación económica municipal e á cantidade inxente de investimentos que temos que afrontar mesmo para manter servizos básicos.”
Ana Ermida puxo en valor a “capacidade de priorizar os investimentos en base ás necesidades reais da poboación, o que debe facer calquera goberno serio que equilibre os servizos coa capacidade real do municipio, sen poñer en risco a súa viabilidade.” Neste sentido, a rexedora asegurou que o seu goberno “continúa traballando arreo para tecer lazos con todas as administracións que permitan seguir avanzando na mellora de Barreiros e atendendo tanto o día a día como a posta en marcha de máis e mellores servizos.”