InicioOrientalBarreirosBarreiros piden orzamentos da Xunta para unha nova EDAR en San Miguel

Barreiros piden orzamentos da Xunta para unha nova EDAR en San Miguel

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixir un novo escrito á conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, no que reitera a necesidade de Barreiros de contar con finanzamento para poder construír unha EDAR en San Miguel que solucione a deficiencia da depuración de augas residuais na zona.


Xa durante o verán, a mandataria municipal se dirixira ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sen obter resposta ata o momento; trasladándolle o déficit en servizos que ten o municipio a raíz do crecemento sen planificación que se produciu neste concello.
Ante a falta de resposta do máximo mandatario galego, Ermida traslada novamente á conselleira “a necesidade acuciante que ten Barreiros de mellorar o sistema de depuración e, nomeadamente, de poder contar cunha nova EDAR para a que xa existe proxecto, mais non finanzamento.”


Ana Ermida manifesta que é coñecedora da preocupación da conselleira por este tema e tamén do seu compromiso por solucionalo, “tal e como manifestou publicamente nun acto ao que acudiu a este concello hai uns meses, na campaña electoral das eleccións municipais.”


No escrito reitérase o que xa se lle trasladou á Xunta en varias ocasións, facendo fincapé na chegada de fondos europeos e na oportunidade que pode existir, tal e como se fai noutros concellos. Por esta razón, reiterou “a necesidade de que desde o Goberno da Xunta de Galicia teñan en conta a especial situación do Concello de Barreiros para priorizar os proxectos de investimento no mesmo, considerando que podemos contribuír a mellorar o noso País e a xestión dos fondos dos que dispón o seu goberno a través dos orzamentos que elabora.”


Ermida considera que o compromiso que poida existir desde a Xunta de Galicia e a súa intención por solucionar estes problema serían moito máis visibles se se dotara economicamente unha partida nos orzamentos da Xunta para o 2024 que se están a elaborar.

ÚLTIMAS

Entregadas en Ribadeo as primeiras Cestiñas dos Arrolos a catro familias

O Concello de Ribadeo entregou este venres as primeiras cestiñas dos arrolos a catro...

A Concellaría de Benestar de Viveiro participará na Misión do Fondo Galego de Cooperación aos campamentos Saharauis

O Concello de Viveiro estará representado na misión do Fondo Galego de Cooperación e...

Cervo felicita á veciñanza co seu tradicional Calendario de Nadal

O Concello de Cervo vén de presentar o seu tradicional calendario de Nadal que...

UNED en Foz organiza tres actividades formativas para este decembro

A concelleira da Aula Universitaria da UNED en Foz, Elena Martínez Pena, e a...