InicioOrientalBarreirosBarreiros acolle este mércores a proxección de "Xove, democracia nuclear"

Barreiros acolle este mércores a proxección de “Xove, democracia nuclear”

Publicada o

- Advertisement -

As Escolas de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros, acollen mañá, mércores 6 de decembro, a presentación do documental “Xove, Democracia Nuclear”. Este audiovisual, que xa foi proxectado en Foz, Burela, Cervo, Sarria, Xove e O Valadouro, trata sobre a mobilización social contra o proxecto de construción dunha central nuclear en Regodela nos anos setenta e está dirixido polo xornalista Pedro Lechuga en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Prensa de Lugo.

Será ás 19 horas e coa colaboración da Irmandade de San Caetano e do Concello de Barreiros. Durante a presentación estará Emilio López Pérez “Milucho”, exdirixente das Comisións Labregas e unha das persoas máis activas durante as mobilizacións. Ademais é unha das testemuñas recollidas neste documental que dialogará co público sobre o vivido na costa lucense hai 40 anos tras o visionado.

O documental recolle testemuñas das historias vividas na Mariña despois de que en novembro de 1973 se fixera público, a través dos medios de comunicación, o proxecto de construción da central nuclear. Os acontecementos son contados por quince persoas que participaron e foron testemuñas mobilización que parou o proxecto de Fenosa.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental con este ciclo de proxeccións que contribuirán a que se coñeza un momento histórico na loita popular e ecoloxista na Mariña e en Galiza”. “Cremos que son unha boa canle para dar a coñecer á xente máis nova o que supuxeron as mobilizacións e a organización social fronte a aquel proxecto, nun momento da historia no que aínda viviamos baixo a sombra da ditadura franquista”, expuxo.

O ciclo rematará o próximo martes 19 de decembro coa proxección de “Xove, Democracia Nuclear” no Pazo de San Marcos ás 20 horas. Tras a proxección realizarase unha tertulia na que participará tamén o exdirixente das Comisións Labregas. A entrada será de balde.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...