A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou este martes que a creación do novo apeadeiro en San Cosme de Barreiros xa está en fase inicial tras o anuncio de Adif, que somete a exposición pública o proxecto de construción da nova configuración de vías e plataformas no tramo Ortigueira-Ribadeo.
Segundo explican nun comunicado, o anuncio contempla a necesidade de ocupación de terreos que serán expropiados co fin de crear este servizo, “dando cumprimento a un compromiso adquirido co municipio de Barreiros”.
A nova configuración de vías e plataformas que se realiza como consecuencia da supresión do bloqueo telefónico entre Ortigueira e Ribadeo tamén recolle a creación de novos apeadeiros no Barqueiro e As Catedrais.
Ademais, realizaranse melloras nas estacións de Viveiro e Burela, xa que actualmente o cruzamento entre plataformas está ao mesmo nivel que o tráfico ferroviario.
Para dotar dunha maior seguridade aos usuarios, construiranse dous pasos inferiores nestas estacións. Tamén se crearán novas plataformas no Barqueiro, Viveiro, Barreiros e As Catedrais.