O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Barreiros presentará a vindeira semana un escrito asinado por persoas que teñen a súa segunda residencia no municipio e tamén por residentes habituais da zona costeira, no que se “constata un malestar xeralizado pola situación do concello, cunha constante degradación e unha falta de investimentos e servizos que non está acorde cos impostos que se pagan”.
A voceira do BNG barreirense, Ana Ermida, asegura que “que ao longo destes anos estase a comprobar unha contínua degradación na calidade de vida das persoas que moran en Barreiros, permanente ou temporalmente, que é socialmente recoñecida e que se nos ten trasladado, especialmente nos últimos meses, en numerosas ocasións”.
O grupo municipal nacionalista sinala que realizou asembleas polas parroquias con persoas afectadas e este xoves recabou queixas para presentar un escrito no consistorio a vindeira semana, a fin de pedir explicacións ao respecto por parte do goberno local.
O BNG barreirense explica que, “como exercicio da representación veciñal que ostentamos na corporación, entendemos que forma parte da mesma dar sustento ás reclamacións, queixas e propostas que poidan realizar as persoas que viven en Barreiros e mesmo, tendo en conta a composición social deste concello, as daquelas que se teñen convertido en moradoras temporais, contribuíndo en certo xeito ás arcas públicas municipais”.
“NIN A ZONA DE PRAIA ESTÁ ATENDIDA”
Ermida lamenta o estado do litoral e sinala que o Concello “xa non se preocupa” de facer do municipio un referente turístico. “A realidade é que xa nin a zona de praia está ben atendida. O que está pasando cos paseos marítimos, coas praias ou coa perda das Bandeiras Azuis é unha mostra de que se deixou de traballar ata nese fomento turístico no que ata hai uns anos se apostaba todo”, expón.