Unha avaría que se produciu na depuradora de auga potable de Barreiros provocou problemas de subministración durante horas. A incidencia, que se rexistrou hai un par de semanas, xa está liquidada, pero o Goberno local decidiu manter algunhas das medidas adoptadas para limitar o consumo non prioritario.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, explicou que a avaría obrigou a “parar de producir auga durante unhas horas” e que, debido ao “alto consumo” desta época e en particular pola alta presenza de turistas e visitantes, estaba a producirse “un baleirado do depósito moi rápido” e “tardouse un tempo en recuperar”.
Isto provocou “cortes de subministración” en determinadas zonas do municipio, algo que “xa foi liquidado” a mesma semana na que se rexistrou a avaría. Naquel momento tomáronse unha serie de medidas polas que se prohibía o uso non prioritario de auga, “así como o enchido de piscinas ou a rega de xardíns”.
“A situación meteorolóxica require que teñamos cautela co consumo de auga porque o nivel de poboación e de consumo que hai nesta época pode poñer en perigo a subministración”, explicou. Agora, a subministración “está controlada, os depósitos están cheos e non hai problema” nese sentido, aínda que o Goberno local mantén parte destas medidas de limitación de uso co fin de “ter conciencia sobre o uso correcto da auga, é un recurso natural pero é limitado”.