O Concello de Barreiros pasa a xestionar o comedor escolar do colexio público de San Cosme para dar continuidade a un servizo que ata o de agora viña prestando a ANPA deste centro e que neste curso non se puido facer cargo polo alto custo e dedicación e dispoñibilidade que conlevaba.
Este servizo complementario ao educativo, e dependente da Consellería de Educación, non se presta desde a Xunta, alegando o baixo número de alumnas e alumnos. Foi esta razón, e tras a petición da ANPA dado o problema que se podería crear para o alumnado, as familias e o propio centro de desaparecer o servizo, polo que o concello decidiu asumir a xestión.
O Concello de Barreiros afrontará os custos do servizo, como os menús, o servizo de cociña, de persoas coidadoras, seguros ou investimentos en cociña ou no propio comedor. Con este cambio na xestión, implementarase tamén o sistema de cotas que se aplica nos comedores públicos en base ao que as familias aportan entre 0 e 4,5€ día en función da renda familiar.
Ademais, o Concello contará con un convenio de colaboración da Consellería, aprobado no Consello da Xunta de onte, polo que a administración galega aporta 2,5€ por nena ou neno e día que usen o servizo.
Neste sentido, a rexedora barreirense, Ana Ermida, considera que “é unha boa nova que se poida manter o servizo do comedor, aínda que iso supoña un esforzo do Concello para prestar un servizo que non lle é propio; mais que entendemos beneficioso para a comunidade escolar e para os servizos que se prestan en pequenos concellos rurais.”
A alcaldesa pon de relevo a implicación e a relevancia dos Concellos para que “exista a menor diferencia posible entre as persoas con independencia de onde residan, porque o certo é que cada día é máis complicado manter servizos no rural e acaba recaendo sempre sobre as institucións municipais que, por responsabilidade e convencidas da utilidade dos servizos públicos, asumen a súa prestación mesmo en casos que non dependen delas.”