Ariadna Rocha, a asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros e o Centro de Instrucción y Recreo de Benquerencia organizan durante o mes de agosto un taller de lingua de signos e comunidade xorda de nivel A1-A2. Dará comezo o día 2 de agosto e será impartido por Ariadna Rocha Fernández no Canteiro, en Benquerencia.
O obradoiro será de luns a xoves das 19:00 a 20:30 horas. Ariadna Rocha explica que “eu estudei en Madrid lingua de signo e comunidade xorda, e falando con José Manuel Gómez Puente das necesidades de accesibilidade en todos os ámbitos, do esquecida que está a comunidade xorda por aquí, xurdiu a idea de facer este curso, aínda que sexa de iniciación, para non solo aprender a lingua senón entender a comunidade, entender as necesidades das persoas xordas e entrar un pouco neste mundo tan bonito”.
Rocha Fernández indica que “está dirixido a todas aquelas persoas, independente da idade, que queiran aprender lingua de signos e que teñan interese na lingua e na comunidade, incluso persoas xordas que non teñan lingua de signos adquirida. En xeneral é un curso que abarca a moita xente. Independentemente da idade tamén entendendo que pode ser a partir dos 15 anos, porque xa se ten un pouco de conciencia de idioma, é sen límite de idade”
E engade: “vaise celebrar ata a última semana de agosto, o último xoves de agosto sería o remate do curso, e vaise impartir no Canteiro en Barreiros, en Benquerencia.” O prezo é de 10 euros e as persoas interesadas en inscribirse nese obradoiro poden facelo co correo lseportafolio@gmail.com ou chamando ao 623 22 68 25.