O Concello de Barreiros vén de concluír nestes días os labores de prevención e loita contra os incendios forestais no municipio. Para estas labores contou durante tres meses, ademais do tractor municipal de desbroce, cunha brigada composta por cinco persoas e unha motobomba na que operaban tres profesionais. Dito persoal, baixo a coordinación do distrito forestal de zona, participou en dispositivos de ámbito comarcal e realizou labores de limpeza e desbroces de espazos públicos baixo a supervisión do concelleiro de medio rural, Dámaso Ratoeira.
Ademais destes labores, dita concellería vén realizando sistematicamente obras de mantemento e mellora de vías rurais que facilitan o acceso en caso de incendios. Así, nos últimos días o persoal municipal mellorou o acceso aos depósitos de carga contra incendios de Benquerencia, coa ampliación da entrada e zona de virada da motobomba.
Ratoeira quixo poñer en valor “estas pequenas actuacións que se veñen realizando nos últimos tres anos -e que non se facían neste concello- que son fundamentais para ir poñendo a zona forestal en valor e cunhas condicións mínimas de seguridade”. Así, sinalou as labores continuas que se fan en mantento de cunetas das pistas forestais ou o coidado na conducción de augas nas mesmas; ao igual que o continuo contacto coas empresas do sector para o arranxo de posibles desperfectos derivados da saca de madeira.
“Por primeira vez en moitos anos, estase a facer neste concello unha labor de control e posta en valor da actividade forestal e iso supón que nestes momentos, quedando aínda marxe de mellora que se poida realizar en vindeiros anos, o concello de Barreiros conte cunha situación moi mellorada das pistas e espazos públicos forestais”, sinalou.
Quixo, ademais, agradecer a profesionalidade do persoal contra incendios que operou a nivel municipal, tanto na brigada como na motobomba, que permitiu o adecentamento de 10 ha de espazos e de máis de 250km de desbroces en pistas forestais.