Barreiros comeza as actividades de Nadal organizando un mercadiño con produtos artesanais

“Trátase de amosar que aquí ao pé hai moi bos produtos, que non teñen nada que envexar a quen ten posibilidades de promocionarse con grandes campañas de publicidade, e que só precisan de ter espazos onde abrir un mercado de proximidade que aposte por un consumo máis responsable" sinala a alcaldesa, Ana Ermida.

Casa do Concello de Barreiros. JUAN MAYA

O Concello de Barreiros dálle a benvida ao Nadal poñendo en marcha un mercado de produtos artesanais e de proximidade que se celebrará o vindeiro domingo en horario de 11 da mañá a 8 da tarde.

A alcaldesa, Ana Ermida, pon en valor esta iniciativa por tratarse dun “escaparate no que os produtores e artesáns de proximidade poden achegarse á poboación barreirense, servindo como promoción; pero especialmente, pondo en valor a calidade de quen produce a carón de nós, con produtos de primeira e cun sistema de produción que reverte no territorio.” “Trátase de amosar que aquí ao pé hai moi bos produtos, que non teñen nada que envexar a quen ten posibilidades de promocionarse con grandes campañas de publicidade, e que só precisan de ter espazos onde abrir un mercado de proximidade que aposte por un consumo máis responsable. É polo tanto un intento de poñer o concello de Barreiros ao servizo dos produtores locais que agardamos que sexa exitoso e poida repetirse noutras ocasións”, asegura a rexedora.

Durante a xornada, que acollerá postos de artesanía tanto de decoración como de alimentación, tamén se desenvolverán actuacións musicais e dirixidas ás crianzas. Así, ás 12:30 terá lugar a actuación do grupo “Condensadores de fluzo”. Ademais, en dito espazo celebrarase un obradoiro de xoguetes tradicionais ás 16:30 a cargo de Manolo García e a partir das 17:30 repartirase chocolate quente. As actividades rematarán ás 18:00 coa actuación para público infantil “A vida tola de Pajarito”.

Entre os postos que se poderán atopar no mercado, destacan produtores locais como o Mel Alival, a Pastelería artesá Obradoiro, a Huertina de Yan, a churrería de Telmo ou a cervexería Augas Santas; que compartirán espazo con outros postos de proximidade coma Chocolates Moreno, Queixería Gabino, O Ferrado Marelo ou Larpeiradas Galegas.

Haberá tamén espazo para a artesanía e agasallos da man de EvE e Elr, Cantos Artesanía, Pompas Pompis ou Isabel Alvariño. Sen dúbida, algúns dos espazos máis visitados serán os postos que montarán a Asociación de Saúde Mental A Mariña, onde venderán artesanía e lambetadas de elaboración propia, e o rexentado polo alumnado do CEIP de San Cosme, que venderán doces de nadal para recadar fondos para a viaxe de fin de curso.

O concelleiro de dinamización, Dani García, explica que “esta iniciativa naceu da crenza de que en Barreiros ten cabida un espazo que poida servir como escaparate dos produtos locais e de proximidade, poñendo así en valor a elaboración feita no propio territorio.” A partir das 16:30 tamén contarán con unha bola de neve xigante que poderá ser usada como photocol para introducirse nela e tomar fotos de lembranza deste día.

COLABORACIÓN E SOLIDARIEDADE

García tamén sinala que no propio mercado vai haber espazo para a colaboración e a solidariedade. Xa que ademais dos postos da Asociación de Saúde Mental e do alumnado do CEIP de San Cosme, aos que se lles poderá axudar; o propio Concello de Barreiros puxo en marcha un proxecto de intercambio e colaboración, mediante a posta a disposición de libros cedidos por particulares e por ambos centros escolares que serán postos á venda polo simbólico prezo de 2€, e cuxa recadación se destinará á Asociación de Saúde Mental.

AXENDA DE NADAL

Este primeiro evento dará paso a unha axenda chea de citas durante todas as festas en Barreiros. O día 14, dez días antes de Noiteboa, acenderanse o decorado luminoso. O día 17, as nenas e nenos poderán recibir a visita do Apalpador da man do Colectivo Cultural Ollomao. O 24, será a quenda de Papá Noel e tamén o 5 de xaneiro percorrerán Barreiros as Súas Maxestades de Oriente. Entre tanta visita, quedará tempo para actividades deportivas, viaxes para as crianzas ou o concerto do coro local Airiños do Mar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here