A Confederación Nacional de Asociacións de Comerciantes de Centros históricos de España (COCAHI), da que Acisa Ribadeo forma parte desde hai un ano, acaba de asinar dous acordos de colaboración, un con Abanca e outro con Correos, que teñen como principal obxectivo dar apoio ao comercio de proximidade. Grazas a este acordo, os comerciantes adheridos a Acisa terán acceso a vantaxes moi interesantes.
Segundo explica Jesús Pérez, xerente da asociación ribadense: “en virtude dese acordo, os socios de Acisa poderán acceder en condicións vantaxosas a varios servizos de Correos. En primeiro lugar, poderán facer chegar os seus produtos a calquera punto de España e Portugal a través da súa venda en liña na plataforma Correos Market, sen pagar comisións. Desta forma, os comercios asociados a Acisa gañarán visibilidade para os seus produtos e gozarán dunha plataforma de promoción, venda e distribución a través da rede loxística de Correos e das súas 2.389 oficinas. Ademais, Correos pon á nosa disposición o servizo especial de paquetería e o servizo de paquetería empresarial para que poidan realizar envíos nacionais e internacionais a un prezo competitivo e beneficiarse de valores engadidos como a recollida a domicilio para particulares. Correos tamén contribuirá a impulsar a transformación dixital dos comercios que traballan nos centros históricos poñendo á súa disposición as súas solucións e-commerce. Os membros de COCAHI, e por tanto de Acisa, beneficiaranse de descontos e condicións especiais no acceso aos servizos que ofrece Correos para axudarlles na dixitalización do seu negocio e o incremento das súas vendas por internet: desde crear a súa propia tenda en liña e personalizar o seu deseño ata xestionar de maneira sinxela as súas vendas en distintos marketplaces”.
Pérez Prada indica que “outra vantaxe máis, neste caso para Ribadeo como localidade, é que a través das canles dixitais do servizo O Camiño con Correos levarán a cabo acciones de promoción e difusión dos diferentes roteiros do Camiño de Santiago que pasan polas localidades asociadas (neste caso Ribadeo) e dos produtos dos seus comercios locais. Desta forma desde Acisa seguimos apostando pola promoción da nosa localidade como punto destacado no Camiño de Santiago. Este convenio será de aplicación a partir do 2023, unha vez pasadas as festas, que será cando o equipo de Correos visite a nosa asociación para detallar o seu funcionamento”.
O convenio entre Abanca e a Cocahi ten como principal obxectivo dar apoio ao comercio de proximidade, e que por tanto os socios de Acisa son beneficiarios do mesmo: “os comercios socios de Acisa terán acceso ás vantaxes que se inclúen no acordo, no que destaca un plan de financiamento deseñado polo banco e a confederación para dar resposta ás necesidades do colectivo. Tamén se recollen produtos e servizos que permitan realizar investimentos e reforzar a competitividade dos negocios adheridos. Deste xeito, poderán acceder a produtos deseñados especificamente, como préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e intereses moi competitivos. Así mesmo, para cubrir as posibles necesidades que xurdan ao redor da actividade diaria do comercio, os documentos recollen outros produtos e servizos, como as pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, confirming ou factoring. Abanca tamén activa as liñas de financiamento actuais do ICO para reforzar o apoio ás necesidades dos comercios e proporcionar solucións ante a crise”.
O xerente de Acisa engade que “igualmente os comerciantes poderán acceder a condicións melloradas na contratación de TPV físicos e virtuais. Os adheridos tamén poderán beneficiarse das vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos Abanca, que permite aforrar no pago dos servizos bancarios máis habituais. Este convenio xa se pode utilizar, acudindo á oficina de Abanca, cunha copia do mesmo e un certificado emitido por Acisa Ribadeo conforme o establecemento é asociado noso”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destaca que “estes dous convenios son un exemplo claro da importancia que para unha entidade como a nosa ten pertencer a outra superior como a Cocahi, que nos proporciona convenios vantaxosos que en solitario non estarían ao noso alcance. Da mesma maneira consideramos que estes dous novos convenios, unidos aos que desde hai anos Acisa ten contraídos con outras entidades, son o mellor exemplo da importancia que ten ser socio de Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. Asociarche a nós permite ter acceso a servizos tan importantes e con tanta implantación como son Correos e Correos Market e a un convenio de condicións vantaxosas como o de Abanca”.
Cruzado Iglesias considera que “cuantos máis sexamos, mellor. Máis cousas poderemos conseguir para os negocios de Ribadeo. E iso redundará no seu beneficio e será moi positivo para a economía local”.