Rematou o RibaXogo, o centro de ocio instalada no parque de San Francisco, e polo que pasaron arredor de 3.000 nenas e nenos este Nadal.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, amosouse satisfeito pola acollida do RibaXogo: “estamos contentos coas cifras que nos deixa esta segunda edición do RibaXogo, que fixo as delicias das máis pequenas e dos máis pequenos da casa desde o pasado 23 de decembro e ata a xornada de onte, na que a entrada foi libre”.
O edil ribadense sinalou que “contamos no RibaXogo con diferentes tipos de atraccións, que se foron cambiando e actualizando durante estes días, para manter o interese por acudir a este centro de ocio situado no parque de San Francisco. Para conseguir as entradas simplemente había que consumir nos negocios de Ribadeo adheridos a esta campaña por un importe superior aos cinco euros”.
Vizoso Galdo indicou que “o obxectivo desta medida era dinamizar as compras nos negocios locais durante o Nadal e ofertar unha alternativa de ocio durante as vacacións para a rapazada de Ribadeo e da contorna. E penso que ambos obxectivos se cumpriron. O RibaXogo sumouse á programación deseñada polas Concellarías de Mocidade e de Cultura e da que gozaron moitas nenas e nenos estes días. Houbo deporte, houbo teatro, houbo obradoiros, un pouquiño de todo e moi variado”.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo que “o RibaXogo foi un reclamo importante este Nadal en Ribadeo. Daba gusto pasear polas rúas e velas ateigadas de xente facendo as súas compras nos comercios locais e consumindo nos establecementos hostaleiros. Houbo animación musical coas panxoliñas que soaron durante todos estes días e que contribuíron, ao igual que a iluminación ornamental, a crear unha auténtica e típica estampa destas datas na nosa vila”.
Concello e Acisa coorganizaron a programación deste Nadal que acaba de rematar. “Aínda queda a XII Festa do Comercio, que terá lugar o vindeiro sábado, 14 de xaneiro, na carpa do parque de San Francisco”, engadiron.