O vindeiro sábado, 14 de xaneiro, terá lugar a XII Festa do Comercio, que repartirá 4.000 euros en premios. O sorteo, que tras a pandemia volve ser presencial, terá lugar na carpa instalada no parque de San Francisco.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, explica que “volvemos a recuperar o formato presencial deste importante sorteo da campaña de Nadal de Acisa, coorganizada este ano xunto ao Concello de Ribadeo. A última vez que fixemos este sorteo con público foi en xaneiro de 2020, unhas semanas antes de que o covid aparecese nas nosas vidas, e agora que volvemos á normalidade quixemos que a xente asista de novo en vivo e en directo a este evento”.
Cruzado Iglesias subliñou que “haberá cadeiras para acoller a 300 persoas no interior da carpa instalada no parque de San Francisco. É o aforo calculado e permitido polos técnicos municipais. O resto da xente poderá seguir o sorteo desde o exterior, xa que contaremos con pantallas e con altofalantes para que todo mundo o siga do mellor xeito posible. Vai ser un sorteo rápido. O acto durará pouco máis dun cuarto de hora ou vinte minutos”.
O xerente, Jesús Pérez, explicou que “os premios, que se repartirán son: un de 2.000 euros, un de 1.000 euros, un de 500 euros e dous de 250 euros. Un destes últimos premios (de 250 euros) será non presencial, e dicir, sortearase entre o total de rifas impresas. O resto de premios sortearanse entre os números que o dia 14 de xaneiro estean depositados na urna que estará situada na mesma carpa. Polo tanto é moi importante destacar que as rifas deben conservarse ata o 14 de xaneiro”.
Pérez Prada subliñou que “desde as cinco da tarde e ata as 20:30 horas na urna que haberá na carpa poderán depositarse as papeletas. Hai que botar a parte máis pequena e quedarse coa grande. Esas rifas deberán estar debidamente seladas por cada establecemento. Se se extrae unha rifa que non está selada, quedará inmediatamente invalidada, tal e como recollen as bases do sorteo. Temos que insistir en que a xente poderá depositar as papeletas ata as oito e media da tarde, despois a urna trasladarase ao escenario desde o que dará comezo o sorteo”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, engadiu que “se a climatoloxía o permite contaremos durante a tarde noite do sábado con animación musical pola rúa para contribuír a crear ambiente de festa ata a hora de celebración do sorteo, que será conducido por Susana Álvarez”.