O alcalde, Fernando Suárez, reclama unha sanidade pública, de proximidade de gratuíta. Faino a través dun vídeo no que anima á veciñanza a participar na manifestación convocada para esta tarde en Burela.
O rexedor sinalou que “estaríamos cegos se non víramos o desmantelamento sistemático da nosa sanidade pública, a precarización, a falta de cobertura de prazas das baixas ou das vacacións, etc… tanto na atención primaria como na hospitalaria. E isto sempre ten un beneficiario: a sanidade privada para os que poden ou para os que non poden, pero que están desesperados de ver como se eternizan as probas diagnósticas, etc…”.
Suárez Barcia dixo que “aquí en Ribadeo aceptamos hai pouco tempo a proposta da Xunta para a construción dun novo centro de saúde e estamos a traballar para a cesión dos terreos. Pero sendo isto importante, o máis importante de todo é ter bos servizos, ben cubertos de persoal e nas diferentes especialidades tanto na atención primaria como na hospitalaria. En definitiva sanidade pública, de proximidade e gratuíta que para iso a pagamos”.
O alcalde anima a asistir á manifestación que se celebrará hoxe en Burela: “por iso queremos animar e convidar a toda a cidadanía deste concello e de toda A Mariña a participación na manifestación de hoxe xoves, 19 de xaneiro, que organiza a Plataforma Sanitaria da Mariña”.