O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este sábado na presentación de Dani Vega como candidato á Alcaldía do municipio lucense de Ribadeo. Alí, destacou que Vega “ten ideas para mellorar, sabe o que quere e como se consegue”.
Segundo detallou o PPdeG, o presidente dos populares galegos definiu a Veiga como unha persoa “leal, digna de confianza, animosa e insistente” á hora de conseguir os seus obxectivos.
“Non hai persoa que fale máis de Ribadeo que el e iso é precisamente o que ten que facer calquera persoa que aspire a ser alcalde do seu concello. Non hai que ter medo a ser insistente e persistente, porque o que a cidadanía demanda son dirixentes prácticos que non perdan o tempo en pór escusas”, destacou.
Ademais, remarcou que non é sinxelo atopar ese “aire fresco” e “insistencia” en política, sobre todo á hora de aspirar a ser alcalde dun pobo “tan importante” como Ribadeo. Un pobo que Alfonso Rueda considera “a carta de presentación de Galicia”, na medida en que se erixe como porta de entrada norte á Comunidade.
Pola súa banda, Dani Vega trasladou a ilusión do grupo municipal popular que, durante toda a lexislatura, “fixo un gran traballo” e, nesta mesma liña, subliñou que están “moi ilusionados” polo proxecto que defenderon “no últimos catro anos”. “Somos unha alternativa de goberno real, firme e segura e isto é grazas a que somos un partido unido e sólido”, expresou.