-Cal é o valor patrimonial que garda o Forte de San Samián en Ribadeo para levar adiante unha obra de rehabilitación como a que se ten proxectada?
O certo é que dese o Concello de Ribadeo temos demostrado unha certa sensibilidade cara os bens e patrimonio cultural, sobre todo cando se trata dun edificio catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Somos exemplo de como tratamos o noso casco histórico e o cariño co que tomamos ese tipo de decisións. Por tanto, desde o consistorio tentamos manter e conservar todos os edificios que teñen a consideración de públicos e mesmo levar esa consideración a edificios que non son públicos. Aínda que para un concello como o noso, de 10.000 habitantes, que ten un orzamento limitado, non lle é doado atender todas as demandas e necesidades da poboación e ademais contar co apoio de todas as administracións. A pesar de todo iso, procuramos ir mellorando e atendendo cada un dos inmobles que son patrimonio público como é o caso do forte de San Damián. Este é un espazo atendido periodicamente con actuacións de mantemento para acoller actividades e exposicións durante a época estival. Mais chegou o momento de facer unha actuación integral. Nesta lexislatura marcámonos como obxectivo que o forte se transformase nun centro de interpretación. O traballo dos últimos meses, foi moi intenso, mais en silencio, para buscar que chege a ser ese centro de interpretación para un futuro próximo.
-Cultural e historicamente o valor do edificio xa vén de seu.
Ese valor é incuestionable, sobre todo desde o punto de vista dunha construción militar. Como dixen antes, é un BIC desde 1949 e ademais, o forte é un dos mellores exemplos de arquitectura militar, non só na Mariña senón seguramente en todo o norte de Galicia. Historicamente foi levantado no século XVII, creo que durante a Guerra dos Oitenta Anos para defender os galeóns que se estaban a construír na ría de Ribadeo dos ataques neerlandeses a través do mar. En 1719 foi destruído nun ataque da frota inglesa e sendo reconstruído máis tarde aínda que en 1762 ou 1763 foi reformado e ampliado nas dimensións que coñecemos hoxe. Foi atacado en 1809 polas tropas napoleónicas cando chegaron a Ribadeo, mesmo durante un tempo foi hospital militar para quedar logo no abandono. Máis recentemente en 1965 o edificio pasa a formar parte do patrimonio do Concello de Ribadeo porque llo compra ao Ministerio do Exército polo prezo simbólico dunha peseta. Estivo así até 1990 cando se acomete unha restauración importante.
-Cales viñan sendo as actividades que se desenvolvian até o de agora?
O obxectivo futuro, como dixen, é convertelo nun centro de interpretación, até o de agora o que se realizaba dentro deste edificio eran exposicións artísticas durante o período de verán. Tamén durante o verán era o lugar escollido para facer algúns ciclos de concertos. Tamén era un lugar de celebración para vodas civís. Aínda agora se lle está dando estes usos.
-Fixéronse traballos de catas arqueolóxicas neste edificio?
Non consta terse feito ningunha cata arqueolóxica neste forte. Non teño información sobre este tema.
-Durante o período en que estivo en desuso sufríu algún tipo de expolio?
Seguro que si. Como anécdota direi que antes de acometer as primeiras obras de rehabilitación a finais dos 80 comezos dos 90, tanto o entorno como o muro principal eran usados como garaxes por particulares. Isto dá unha idea de abandono en que estaba.
-Nesta nova rehabilitación empregaranse materiais considerados acaídos para este tipo de construción?
Durante a rehabilitación dos 90s, da man do arquitecto do Concello, Ernesto Cruzado, fixérase unha actuación moi respectuosa e deu como resultado unha configuración do que vemos hoxe como forte. Conseguise unha rehabilitación moi fiel do plano que se conservaba no Archivo de Simancas. Agora tamén pretendemos seguir con esa fidelidade aos planos conservados, porque ademais non poderiamos desviarnos nada das indicacións de Patrimonio por ser un BIC.
-Por que os planos estaban en Simancas, en Valladolid?
Supoño que por unha cuestión histórica, pois o arquivo do Exército estaba alí ubicado, non por outra cuestión.
-Este forte é único na súa planta, forma e destino que se lle deu, defender unha ría?
Único entendo que non, pois construcións deste tipo existían naquela época como baluartes de defensa das entradas de rías. Exemplos como este existen na zona cantábrica de Galicia. Mais desde logo no entorno onde está e coa rehabilitación acometida durante as últimas décadas creo que non hai moitos na nosa contorna, por iso é unha peza de grande valor.