O Concello publicou a licitación do contrato de obras para a rehabilitación e mellora das escolas públicas municipais nas que actuará nos vindeiros meses. O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, contou hoxe que son 10 instalacións nas que Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo investirán 240.000 euros. As empresas interesadas dispoñen de 20 días para presentar as súas ofertas.
O edil ribadense declarou: “estamos a dar un novo e definitivo paso para o arranxo dunha serie de Escolas e Teleclubs das nosas parroquias, tanto da costa, como do interior. Logo dunha longa tramitación de facer os proxectos técnicos, de buscar o financiamento entre o Concello e mais a Deputación de Lugo, de ter todos os permisos sectoriais necesarios, no día de onte publicamos a licitación do contrato de obras para rehabilitar e mellorar estes espazos públicos municipais”.
Marcos Villamil subliñou que “así, queremos amañar as escolas de: Couxela, Noceda, Piñeira, Piñeiro, Remourelle, Vilaselán, Vilela, Vilamariz así como as escolas nova e vella de Rinlo. Toda esta importantísima obra ascende a máis de 240.000 euros. O prazo de presentación de ofertas económicas é de 20 días e o prazo de execución das mesmas será de tres meses desde a sinatura do contrato”.
O concelleiro de Medio Rural lembrou que “estas novas obras véñense sumar ao que fomos executando neste mandato actual nos outros espazos públicos municipais que fomos amañando en Cedofeita, en Covelas, en Ove, en Rinlo, en Arante, as que acabamos e rematar en Cedofeita e as que estamos executando nestes días en Vilaframil e Vilaousende”.
Villamil dixo que “desde o goberno municipal queremos seguir dando servizos e queremos poder seguir ofrecendo actividades nas parroquias, polo que necesitamos ter lugares onde sexa agradable estar. Nalgúns casos hai que mellorar as carpinterías de exteriores, noutros hai que pintar as fachadas, noutros hai que amañar por dentro e por fóra, noutros hai que eliminar as goteiras, noutros temos que meter mobiliario e nalgúns temos que meter todo isto. E así, á volta do verán, dispoñeremos dunha ampla e moderna rede espazos públicos parroquiais para seguir facendo actuacións sociais, culturais, deportivas, etc., e buscando sempre ese equilibrio entre a vila e o campo”.