O Concello duplicará a capacidade do aparcamento situado entra a rúa Nova e a rúa do Pipelo, que pasará de 70 a 140 prazas e acondicionará e mellorará tamén a rúa do Pipelo. O investimento total ascenderá a 180.000 euros. Para levar a cabo este proxecto contará cunha axuda da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que “o Concello de Ribadeo ampliará o aparcamento da esquina entre a rúa Nova e a rúa do Pipelo, que pasará de 70 a 140 prazas. O proxecto conta co financiamento da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, permitindo crear estas 70 prazas a maiores a carón do centro histórico, a poucos metros do Pazo de Ibáñez”.
A edil ribadense dixo: “sabemos que o casco vello, como todos os conxuntos históricos, ten problemas para o estacionamento de vehículos e coa creación deste aparcamento o ano pasado quixemos dar solución para facilitar o estacionamento tanto á veciñanza como as persoas que nos visitan. Agora con esta ampliación vaise duplicar a capacidade deste espazo, mellorando tamén os accesos, que serán formigonados, para facilitar a entrada e saída dos vehículos”.
Freire Rancaño subliñou que “neste proxecto tamén se contempla a mellora e acondicionamento da rúa do Pipelo, mellorando os servizos de saneamento e abastecemento de auga, colocando un novo pavimento de formigón ao longo da calzada e novas beirarrúas de formigón desactivado, separados entre eles por rigolas e humanizando tamén o espazo con mobiliario urbano e árbores. O orzamento desta importante obra é de cerca de 180.000 euros e ten un prazo de execución de 4 meses. Nas vindeiras semanas licitarémola, para que as empresas que queiran presentar as súas ofertas o fagan durante 20 días”.
ACONDICIONAMENTO DO CAMIÑO DE NOCEDA A LEXOSO
O Concello de Ribadeo acondicionará nos vindeiros meses o camiño que vai dende Noceda a Lexoso. Trátase dun tramo de 1.560 metros de lonxitude.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, sinalou que “este camiño, moi transitado pola veciñanza presenta unha serie de deficiencias na capa de rodadura, actualmente de rego asfáltico, que se solventarán con este arranxo integral. Para elo, implementaremos un novo pavimento de aglomerado en quente ao longo de todo este vieiro, que conta cuns anchos de entre 4,1 e 4,75 metros”.
Freire Rancaño explicou que “o proxecto feito polos técnicos municipais valora esta inversión en 112.487,05 euros. Para cofinanciar esta importante obra, o Concello solicitou no día de hoxe unha axuda a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024 cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Solicitamos un total de 67.292 euros, dos cales 40.375,2 son fondos europeos, 18.841,76 da Xunta de Galicia e 8.0075,04 do Ministerio de Agricultura. O Concello de Ribadeo aporta o 40 % total do custe, 45.195,05 euros procedentes de fondos propios”.
A edil nacionalista subliñou que “desde o Concello seguimos apostando pola mellora dos camiños das nosas parroquias, como levamos feito durante todo o mandato”.