InicioOrientalRibadeoRibadeo revitaliza a toponimia do concello con nova sinaléctica

Ribadeo revitaliza a toponimia do concello con nova sinaléctica

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, explicou que “estes traballos afectan a todas as parroquias, aínda que especialmente ás da costa, onde máis construción se ten producido".

Publicada o

- Advertisement -

Ribadeo, 30 de marzo de 2023. O Concello coloca nova sinalización dos topónimos nas parroquias ribadenses. Destes traballos estase a encargar a Brigada Municipal de Obras estes días. 

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “estamos nestes días coa Brigada Municipal de Obras procedendo a unha colocación de nova sinalización dos topónimos parroquiais para mellorar e reforzar os nomes dos núcleos, tanto para os veciños e veciñas do concello, como para evitar perdas innecesarias da xente que vén de fóra”.

O edil nacionalista explicou que “estes traballos, que se prolongarán nas próximas semanas, afectan a todas as parroquias, aínda que especialmente ás da costa, onde máis construción se ten producido nas últimas décadas. Estes necesarios traballos, no que o material subministrado ascende a 15.000 euros de fondos propios municipais, teñen sido demandados amplamente pola cidadanía por varios motivos: a cartelería dos nomes de lugar é unha sinalización que xa ten unha chea de anos e nalgúns casos atópase moi deteriorada, ou noutros casos xa é inexistente; e tamén, nos últimos tres anos, por mor de todo o cambio de numeración que tivemos que facer en moitos núcleos rurais e urbanos para cumprir coas esixencias do servizo de Correos e Telégrafos, a fin de que puideran chegar correctamente as cartas, faise necesario sinalizar exactamente os núcleos de poboación, tal e como están detallados no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal”.

Villamil dixo que “isto supuxo que nas parroquias que foron tendo unha maior intensidade de construción de vivendas nas últimas décadas, os núcleos fóronse xuntando uns aos outros, o que ás veces facía difícil chegar a identificar oportunamente en que núcleo se situaba unha vivenda”.

O concelleiro de Medio Rural engadiu que “agora, coa corrección destas deficiencias, delimitarase exactamente onde empeza e remata cada núcleo de poboación das parroquias ao tempo que se aproveitará para mellorar o resto de cartelería”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...