O Concello iniciará un novo expediente de contratación para a licitación do Ciclo da Auga en Ribadeo. Así o acordou por unanimidade a Corporación Municipal nun pleno extraordinario celebrado na tarde de onte. Farao tendo en consideración os aspectos indicados polo Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia.
No Concello tivo lugar nas últimas horas un pleno extraordinario “para tratar o importante asunto da licitación do Ciclo da Auga en Ribadeo, logo de que o Tacgal (Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia) estimase un recurso presentado pola empresa Viaqua e inadmitise outros dous contra os pregos técnicos aprobados anteriormente pola Corporación”, segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor contou que “o que acordamos foi subscribir por unanimidade o informe-proposta da secretaría municipal para desistir deste expediente de contratación, e iniciar outro novo inmediatamente tomando en consideración os aspectos que este Tribunal Administrativo sinalou. E así se fará desde hoxe mesmo, e sabendo que iniciamos un proceso que deberá continuar a seguinte Corporación Municipal”.
Suárez Barcia subliñou que “temos por diante un reto para cumprir a legalidade da Lei de Contratos para cando vencen as Concesións de Servizos e que non queden ilegalmente sen contrato, para garantir o mellor servizo da auga en Ribadeo e para conseguir melloras necesarias en infraestruturas de almacenamento de auga, de control, de mellora de fugas, de modernos tratamentos de desinfección, etc. Todo isto, para seguir sendo un Concello moderno e punteiro en cousas tan importantes coma a auga que bebemos”.