As Concellarías de Igualdade, Ensino e Mocidade organizan actividades de verán para a rapazada. Trátase de campamentos urbanos, Aventura en Igualdade e o III Orienta Ribadeo.
A concelleira de Igualdade, Mónica Freire, e máis o concelleiro de Mocidade, David Rivas, comentaron que “a programación de verán é unha iniciativa para que a mocidade ribadense empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc, e un recurso de conciliación da vida familiar e laboral”.
Freire Rancaño sinalou que “mantemos os campamentos urbanos durante o mes de xullo, Orienta Ribadeo no mes de setembro e como novidade recuperamos a oferta de anos anteriores, ofrecendo fóra do municipio, o campamento Aventura en Igualdade, dirixido a rapaces e rapazas que están cursando a ESO e que gozarán do 10 ao 14 de xullo de numerosas actividades de aventura e igualdade. Trátase de traballar aspectos relacionados coa igualdade de xénero favorecendo o desenvolvemento persoal da mocidade, promovendo a súa autonomía, autoestima, compañeirismo e traballo en equipo, entre outros valores educativos”.
As inscricións para as diferentes actividades programadas faranse na Casa da Xuventude nos seguintes prazos:
Para os campamentos urbanos que se desenvolverán no Ceip Gregorio Sanz o período de inscrición será do 4 ao 12 de maio. Estas actividades están dirixidas a nen@s de 4 a 12 anos
Para o campamento Aventura en Igualdade, que terá lugar no Complexo Cemar no municipio de Mondariz a preinscrición será estes días do 12 ao 18 de abril. Esta proposta ten como destinatarios a rapaces e rapazas da ESO.
E para o III Orienta Ribadeo a inscrición deberá facerse do 11 ao 18 de setembro. Esta actividade está dirixida ao publico xeral.
A edil ribadense fixo fincapé en que “é necesario facer a preinscrición do mini campamento Aventura en Igualdade para formalizar a reserva en dito complexo e posteriormente, do 24 ao 28 de abril, presentarase toda a documentación e o pago da actividade. Para este mini campamento, que se levará a cabo do 10 ao 14 de xullo, terase en conta a orde de presentación para a adxudicación das prazas”.
Todas aquelas persoas que precisen máis información poden dirixirse nas oficinas da Casa da Xuventude ao teléfono 982 129 889 e ao do CIM 982 120 739.