InicioOrientalRibadeoO Concello de Ribadeo sinala á Autoridade Portuaria como responsable da pista...

O Concello de Ribadeo sinala á Autoridade Portuaria como responsable da pista Rochas-Illa Pancha

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, lembrou que “pedímosllelo formalmente hai xa varios anos cando empezabamos a proxectar, no noso ámbito, a mellora da estrada do faro e a creación do carril-bici".

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, referiuse hoxe á estrada que vai desde a praia de Rochas ata a Illa Pancha, que é titularidade da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. O rexedor subliñou que esa entidade leva anos facéndose a preguiceira para arranxar ese viario e advirte que non será unha realidade ata o ano 2024. O equipo de goberno reciclou un vello cartel para avisar ao público e chamar a atención do que cualifica como inxustiza.

Suárez Barcia explicou: “reciclamos un vello cartel para avisar ao público e chamar a atención dunha inxustiza que se entende mellor cando se comparan as cousas do que fan unhas administracións e do que facemos outras. Resulta que a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, entidade estatal con presidencia designada pola Xunta de Galicia, é titular da Illa Pancha e do seu acceso desde a Praia de Rocas, e leva varios anos facéndose a preguiceira para arranxar ese viario de acceso que se atopa nun pésimo estado de conservación”.

O alcalde ribadense lembrou que “pedímosllelo formalmente hai xa varios anos cando empezabamos a proxectar, no noso ámbito, a mellora da estrada do faro e a creación do carril-bici. Pedímoslle que o continuase no seu terreo ata precisamente a Illa Pancha. Esta entidade esixiunos os terreos necesarios e os permisos para ese ensanche. Conseguímolos e xa llelos trasladamos hai moito tempo”.

Fernando Suárez seguiu a relatar: “pero o tempo pasa, e vemos que os tempos de reacción para amañar as infraestruturas de uso público e común non teñen a mesma prioridade que a inquina que tiveron en non abrir a porta da Illa Pancha, tendo que o Concello chegar a desmontala. Por certo, desde aquela son xa milleiros de persoas as que se teñen achegado á Illa Pancha, dentro da súa liberdade de uso como o resto do litoral”.

O rexedor engadiu: “gustaríanos pensar que as obras de mellora deste acceso se foran facer de seguido, pero moito nos tememos polas vagas respostas e evasivas varias que aló no 2024 as obras serán realidade. Incluso máis tarde que a desmontaxe das torretas de alta tensión, que tamén levou o seu, despois dos interminables permisos e autorizacións administrativas que houbo que conseguir, por fin a empresa eléctrica xa está executando nas obras”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...