Ribadeo homenaxeará Víctor Moro Rodríguez nun acto que se desenvolverá o vindeiro sábado, 22 de abril. No peirao de Porcillán ás 12 do mediodía descubrirase unha placa na honra deste ribadense nacido en 1926, de brillante traxectoria profesional e que sempre manifestou o orgullo da súa orixe.
Víctor Moro, economista e político, ostentou cargos directivos en Pescanova e no Banco de España e sempre foi un firme defensor da autonomía financeira galega. Este recoñecemento da súa figura faise en cumprimento dun acordo plenario do Concello de Ribadeo a solicitude do grupo municipal do Partido Popular.
O acto do sábado abrirase coa intervención da Coral Polifónica de Ribadeo interpretando unha habanera, xénero polo que Víctor Moro sentía especial predilección. Ao ser Portos de Galicia titular do viario, tamén está convidada unha representación da entidade. Por parte do Concello de Ribadeo serán a concelleira de Cultura e o alcalde os que lle dediquen as súas palabras. E concluirá coa interpretación por parte da Coral Polifónica do Himno Galego.