No Concello de Ribadeo tivo lugar unha recepción a tres piragüistas del Club Altruán, que veñen de proclamarse campioas de España en diferentes categorías. Trátase de Elena Justo Carballeira (Campioa de España Muller Infantil PK3), Manuela Lastra Castillo (Campioa de España Muller Infantil B) e Elena González Rico (Campioa de España Muller Infantil A). O acto estivo presidido polo alcalde, Fernando Suárez, e polo concelleiro de Deportes, Jorge Díaz. Tamén participaron os concelleiros de Economía e Igualdade, Pablo Vizoso e Mónica Freire, así coma o técnico de Deportes, Iván López.
Na quenda de intervencións o edil de Deportes, Jorge Díaz, agradeceu o traballo realizado polo club, polos adestradores e tamén o esforzo das familias: “tanto Elena, como Manuela, como Elena foron campioas nas disciplinas que practican e hoxe imos darlles un agasallo para que teñades de recordo. Agardamos e desexamos que para o vindeiro ano repitamos acto, que nos sigades acostumando así. Sei que tedes un bo adestrador, un bo club e agora o voso local está en reformas, moi merecidas, por fin lograremos que ese angar estea nas mellores condicións para que teñades uns vestiarios dignos e unhas instalacións acordes coa disciplina que practicades”.
O rexedor ribadense felicitou ás deportistas polos trunfos conseguidos: “gústame recoñecer a experiencia, o traballo e o esforzo da xente de Ribadeo e especialmente neste caso moi agradados da xente nova, a xente que dentro dun tempo seredes a seguinte xeración, que máis aló de palear tamén seguiredes facendo deporte, pero seredes a seguinte xeración que nos suceda en seguir con esta sociedade mellorándoa e traballando día a día”.
Elena Justo, Manuela Lastra e Elena González mostraron a súa polos trunfos acadados e tiveron palabras de agradecemento para as súas familias, para os seus adestradores e para o Club Altruán.