A Banda Municipal de Música de Ribadeo dedicará tres pezas do seu concerto das Letras Galegas ao compositor galego Rogelio Groba, recentemente falecido. Esta actuación será no Teatro ribadense este sábado, día 13, ás 20:30 horas.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, explica: “seguindo coa programación da Banda de Música de Ribadeo, dadas as datas ás que nos achegamos, este sábado, día 13 de maio, ás oito e media da tarde no Teatro terá lugar o concerto das Letras Galegas. Nesta actuación a gran maioría das pezas van ser de temática galega ou de compositores galegos e dado que hai pouco, o pasado 31 de decembro, deixounos o mestre Groba queríamos ter un pequeno recoñecemento ao labor que fixo coa música galega, coa música de banda en especial; entón tres das obras que imos tocar son do compositor Groba e dúas delas van ser interpretadas por primeira vez pola Banda Municipal de Música de Ribadeo”.
Para rematar David Ballester convida “a toda a xente a que celebre con nosoutros este sábado, 13 de maio, ás 20:30 horas no Teatro o concerto das Lertas Galegas”.