“Ribadeo é un sitio tranquilo e seguirá a selo” di o alcalde logo das liortas da fin de semana

Suárez Barcia destaca "a boa coordinación que teñen entre estes dous corpos, sen prexuízo de que á vista destas situacións revisen e coordinen máis as súas actuacións”.


O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe aos altercados rexistrados nunha rúa esta pasada fin de semana e tamén hai uns días. O rexedor asegurou con rotundidade que “Ribadeo é un sitio tranquilo e seguirá a selo no futuro” e destacou a boa coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil.

Suárez Barcia declarou: “a respecto destas liortas na rúa na madrugada do venres ao sábado e que se producen días despois doutra acontecida tamén na vila queremos manifestar con rotundidade que Ribadeo é un sitio tranquilo e seguirá a selo tamén no futuro. Somos conscientes que este tipo de incidentes, desagradables, molestos e incívicos non teñen cabida nunha sociedade moderna como a nosa. Pero son moitos os factores que inflúen nestas circunstancias e algúns son responsabilidade das administracións e outros non”.

O alcalde ribadense dixo: “ten importancia que o Concello dispoña de Policía Local, como de feito dispón, limitada por plantilla ás noites dos venres e dos sábados, como tamén da Garda Civil, que ten un corpo máis extenso de persoal. Eles tentan facer o seu traballo cos seus medios. Neste sentido quero destacar a boa coordinación que teñen entre estes dous corpos, sen prexuízo de que á vista destas situacións revisen e coordinen máis as súas actuacións”.

O rexedor indicou que “os horarios dos diferentes locais de lecer están avalados polas normativas autonómicas vixentes, e as propias forzas da autoridade acoden e denuncian os posibles excesos horarios, sempre que se dan”.

E engadiu: “pero máis aló de todo isto, hai un compoñente que se escapa a todo este posible control, que é o comportamento íntimo e persoal do individuo con respecto á sociedade que o rodea. Ir berrando ás cinco da mañá pola rúa, romper un espello dun coche ou ter unha liorta a paus entre dous, moitas veces, influídos pola inxesta de alcol, é algo que nunca se puido evitar e sinto dicir que tampouco no futuro se poderá, por mais policía que se poida poñer na rúa, a non ser que convertarmos a nosa sociedade nunha especie de gran hermano, cousa que non é posible e tampouco desexable”.

Para Fernando Suárez “convén educar, convén dialogar e razoar con estas persoas, rapaciños ás máis das veces, para que avalíen as súas condutas e poidan canalizar as súas emocións e as súas tensións a través de saídas aceptables para a sociedade que todos compartimos. Entrementres, desde Ribadeo, como desde calquera outro lugar civilizado, habemos de tentar facer todo canto poidamos para mellorar esta situación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here