InicioOrientalRibadeoConcello de Ribadeo e Deputación asinan o convenio para rehabilitar o Forte...

Concello de Ribadeo e Deputación asinan o convenio para rehabilitar o Forte de San Damián

A concelleira de Cultura , Pilar Otero,, engadiu que “a intervención terá un custo de 150.000 euros, que a Deputación cubre practicamente ao 100%".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo e a Área de Cultura da Deputación xa asinaron o convenio para a rehabilitación do Forte de San Damián. O investimento ascende a 150.000 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “queremos informar desta moi boa nova. A sinatura deste novo convenio coa Deputación fará posible a rehabilitación do Forte de San Damián, de maneira que o proxecto de convertilo nun centro de interpretación sobre a historia do propio forte, pasa de ser un proxecto ou unha promesa electoral a unha realidade cada vez máis cercana”.

Pablo Vizoso, actual concelleiro de Turismo, recordou que “despois da súa última rehabilitación, aló pola década dos 80, o custo de mantelo aberto impedía o seu desfrute por parte da poboación ribadense e visitante. E tiña que limitarse ao período estival, no que se aproveitaban eventos culturais –como exposicións e concertos- para posibilitar as visitas”.

Otero Cabarcos contou que “esta intervención polo tanto suporá a necesaria rehabilitación deste edificio emblemático e posibilitará o seu uso como dotación cultural estable para o Concello de Ribadeo. Ata agora economicamente só era factible a súa apertura dous meses no verán, aproveitando os eventos culturais que tiñan lugar alí. É preciso encetar unha nova etapa baseada na rehabilitación, que converta o inmoble nun centro de interpretación para o futuro máis próximo. Precisamente en 2024 celebraremos os 400 anos do forte e o Concello xa leva meses inmerso na preparación de varias exposicións e visitas guiadas pensadas para ir achaiando o camiño cara esa celebración”.

Vizoso Galdo sinalou que “o edificio é un Ben de Interese Cultural desde 1949. Acondicionar estes inmobles supón afianzar o patrimonio non só arquitectónico senón tamén contribuír a garantir un dinamismo social, de iniciativas que son indicadores de vitalidade das poboacións. Significaría, no caso que nos ocupa, que estas dinámicas non estean vinculadas a unha época do ano, nomeadamente ao verán e con turismo, senón que a poboación que dun xeito ou outro é susceptíbel de usala e vaia ter nunhas condicións adecuadas de uso”.

O edil de Turismo relatou que “as obras incluirán a eliminación de barreiras arquitectónicas para acceder ao interior do edificio principal dentro do perímetro do Forte de San Damian e tamén a eliminación da maleza do muro perimetral, mellorarase a estrutura da cuberta do baluarte existente e retellarase, reparando os paramentos verticais exteriores da nave principal, incluíndo pintura nova. Recuperaremos e sanearemos a carpintaría existente, substituíndo algunhas ventás que se atopan en moi mal estado de conservación. Eliminaranse tamén as filtracións de auga en distintos puntos e delimitarase o foso do perímetro do forte mediante barreiras arquitectónicas de madeira, iluminando o exterior do edificio, dotando de electricidade independente o inmoble”.

A concelleira de Cultura engadiu que “a intervención terá un custo de 150.000 euros, que a Deputación cubre practicamente ao 100%, e ten un prazo previsto de execución de 3 meses desde o momento da súa adxudicación”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...