InicioOrientalRibadeoComezan os torneos de fútbol base da SD Ribadeo con 117 equipos

Comezan os torneos de fútbol base da SD Ribadeo con 117 equipos

O presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto, anunciou que “Desexamos que os torneos transcorran, como todos os anos, coa maior deportividade e que todo o mundo o pase ben".

Publicada o

- Advertisement -

Os días 3 e 4 de xuño comezan os Torneos de Fútbol Base da SD Ribadeo, que reunirán durante tres fins de semana a 117 equipos procedentes de diferentes puntos do Estado e tamén de Portugal e a máis de 5.000 persoas. No acto de presentación do evento interviron o presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto; o xefe de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado; e o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso.

O presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto, anunciou que “estamos na presentación dos torneos da SD Ribadeo, que van ser os tres primeiros fins de semana do mes de xuño, empezando co torneo dos infantís, seguindo co de benjamines e prebenjamines e acabando co alevín e o miniprebenxamín. Por parte da SD queremos dar as grazas ás institucións colaboradoras que son o Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Iberia de San Miguel e tamén a Acisa. Desexamos que os torneos transcorran, como todos os anos, coa maior deportividade e que todo o mundo o pase ben. Moitas grazas aos pais e á xente implicada na SD Ribadeo para poder levar a cabo os torneos con todo o traballo que iso conleva”.

O xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, quixo “dar a benvida a esa cantidade de deportistas e clubs, con todos vos membros dous corpos técnicos, que van vir a Ribadeo e a toda a comarca durante tres fins de semana, e moitas grazas a todos vos colaboradores e organizadores. Á SD queremos felicitala por darlle continuidade a este torneo que xa vemos, dado de onde veñen os equipos, o referente que é non só a nivel provincial ou autonómico senón nacional e mesmo internacional. Queremos pedirlle a todos os afeccionados e familiares que acompañan a eses deportistas que veñan a Ribadeo a desfrutar non só do torneo de fútbol e dous seus fillos ou familiares senón tamén da gastronomía, do patrimonio e da cultura, que é a forma de dinamizar economicamente tanto Ribadeo como esta zona da Mariña”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, salientou que “son tres fins de semana de torneos, que van xerar un importante movemento económico para Ribadeo porque tanto hoteis como bares, restaurantes e tamén o comercio se van ver beneficiados pola presenza de máis de cinco mil persoas ao longo destas tres vindeiras fins de semana. En Acisa estamos encantados de poder colaborar coa SD Ribadeo na organización destes torneos polo que implican. Agardamos que todos os que veñan desfruten evidentemente do deporte, pero que tamén aproveiten para gozar da súa estadía en Ribadeo. Esta vila ten moito que ofrecer, ten moito que mostrar. Esperamos que lles guste, que desfruten e que os que veñen agora de acompañantes despois volvan repetir experiencia”.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, manifestou que “son uns torneos das categorías inferiores, infantil, benxamín, prebenxamín, alevín e miniprebenxamín, que van encher Ribadeo de deporte e de afluencia durante tres fins de semana do mes de xuño. Van reunir en torno 117 equipos de diferentes procedencias, evidentemente de Galicia, tamén de Asturias, de Castela-León e de Cantabria. Ademais é un torneo internacional, xa que acolle a varios equipos de Portugal. Temos unha previsión estimada de afluencia de máis de cinco mil persoas que van encher a nosa vila de ilusión, de deporte e dunha estancia marabillosa para todas estas persoas”.

O edil ribadense engadiu: “dende o Concello de Ribadeo é unha honra poder colaborar neste tipo de torneos porque, en primeiro lugar, apostamos polo deporte base, pola promoción de valores de traballo en equipo e esforzo, e paralelamente tamén se promove a promoción económica, que sempre resulta favorable para os establecementos de Ribadeo e a difusión turística da nosa vila de forma estatal e internacional. Simplemente me queda dar un agradecemento á organización, principalmente a SD Ribadeo, e ao resto de entidades colaboradoras, ás persoas voluntarias particularmente, e tamén a Área de Mocidade da Deputación de Lugo. Agardo que sexan tres fins de semana nos que se mostren as mellores galas de Ribadeo, unha gran afluencia, e que valoremos moi positivamente esta acción promovida pola SD Ribadeo”.

Ao acto de presentación tamén asistiron o técnico de Deportes, Iván López; a deputada responsable da Área de Mocidade da Deputación de Lugo, Mónica Freire; o xerente de Acisa, Jesús Pérez; e o coordinador deportivo da SD Ribadeo, Rubén de Castro Donato.

O XIV Torneo de Fútbol Infantil, que se disputará os días 3 e 4 de xuño, xogarase no estadio municipal Pepe Barrera en Ribadeo, no Campo das Valgas en San Miguel de Reinante e no Campo Trénor en Barres (Castropol).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...