InicioOrientalRibadeoNova campaña de ACISA Ribadeo para o sorteo dunha viaxe a Cuba

Nova campaña de ACISA Ribadeo para o sorteo dunha viaxe a Cuba

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 5 ao 12 de setembro de 2023".

Publicada o

- Advertisement -

Os establecementos asociados a Acisa repartirán 150.000 rifas que se porán en circulación dende o 23 de xuño ata o 9 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano 2023.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “dende Acisa quixemos poñer os máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias para contribuír a facer o mellor Ribadeo Indiano e deste xeito dinamizar a economía local e por iso neste 2023 repetimos o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Cuba. Somos conscientes do éxito que tivo esta iniciativa nas edicións pasadas e consideramos que non podía faltar este ano. Dende Acisa estamos a traballar para premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 5 ao 12 de setembro de 2023. O premio cubre o voo Madrid-Habana-Madrid, así como as estancias en hoteis de 5 estrelas (aloxamento e almorzo) tanto en La Habana como en Varadero, visado a Cuba e seguro básico de viaxe, entre outros complementos extra”.

Pérez Prada indicou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 23 de xuño o 9 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo será presencial o dia 9 de xullo tras a actuación de Eliades Ochoa, polo tanto é moi importante destacar que a rifa debe conservarse ata o mesmo 9 de xullo e que ese dia de 12 da maña a nove da noite, as persoas que teñan rifas, deberán introducilas na urna que estará instalada fronte os Cocos. Na urna deberá quedar a parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios. As bases do sorteo e o listado de establecementos adheridos están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas básicas”

O xerente de Acisa engadiu: “queremos destacar que este ano editáronse 150.000 rifas, 50.000 mais que o ano pasado, debido ao éxito do sorteo. Sendo moi prudentes, facendo unha media de 5 rifas por compra e unha media de 40 euros de valor de cada compra estariamos a falar de que so co sorteo estariamos xerando 1.200.000 euros de impacto na economía local de Ribadeo nas dúas semanas que dura campaña”.

Cruzado Iglesias, a presidenta do colectivo empresarial, tivo palabras de agradecemento para as administracións e para os patrocinadores: “quero agradecer de forma especial, en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, co que seguimos a coorganizar o Ribadeo Indiano e que continúa confiando nesta actividade tan exitosa, tamén á Deputación de Lugo, que cofinancia esta acción de dinamización comercial e á Xunta de Galicia pola súa achega. E tamén quero dar as grazas aos nosos patrocinadores, de forma moi especial, a Cervexas Alhambra, que colabora co Ribadeo Indiano na súa liña de compromisos por apoiar todas aquelas experiencias únicas pensadas para desfrutar cos cinco sentidos; ao Banco Sabadell e a Caixa Rural, que afianzan e aumentan a súa colaboración con nos, e a Galipizza e A Cofradía de Rinlo, xa que sen a súa inestimable axuda non poderiamos poñer en marcha este sorteo”.

A presidenta de Acisa subliñou: “dende Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e como consecuencia co traballo en estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo. Ambas entidades aportamos o que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades, para levar a cabo un gran evento que dinamice a economía local e fomente o turismo”.

O alcalde, Dani Vega, subliñou que “o Concello e Acisa traballan estreitamente na organización do Ribadeo Indiano, que será unha cita moi especial neste 2023. Contaremos cun amplo programa de actividades, que presentaremos dentro duns días, e que van culminar o 9 de xullo co concerto de Eliades Ochoa no barrio indiano de San Roque e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas”.

O rexedor engadiu que “contaremos con alicientes dabondo na nosa vila do 7 ao 9 de xullo para celebrar ao grande o VIII Ribadeo Indiano, que estará dedicado á arquitectura daquela época. Estamos ultimando os detalles para recibir aos milleiros de persoas que eses días se achegarán ata aquí para render homenaxe á nosa emigración”.

Na presentación do sorteo da viaxe a Cuba participaron o alcalde, Dani Vega, os concelleiros e concelleiras Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Diego Dos Santos, así como a presidenta, a tesoureira, o secretario e xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Manoli Torviso, Felipe Fernández e Jesús Pérez.

ÚLTIMAS

Dous cabalos invaden a A-8 en Lourenzá

Ás 9.05 horas deste sábado á altura do quilómetro 536 da A-8, no municipio...

Melloras no edificio dos armadores do porto de San Cibrao para facilitar as súas condicións de traballo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarcou o futuro acondicionamento do edificio dos locais dos armadores no...

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...