O grupo musical A Trova Coruñesa, do que forma parte o percusionista ribadense Chenchu López, actuará dentro da programación do Ribadeo Indiano o 8 de xullo, sábado, ás 14:00 horas no escenario principal do evento, instalado no barrio de San Roque.
O director e batería do grupo, o cubano Tony González, explica que neste concerto van ofrecer varios temas do seu novo repertorio “baseado en grandes éxitos dos anos 70 e 80, cando triunfaron cancións de toda a vida. Temos un repertorio bastante amplo, con moitas baladas, boleros e son, sobre todo. Neste caso utilizaremos moito o son para representar a época que se lembra no Ribadeo IndianoPalabras descoñecidas”.
Entre os temas que interpretarán en Ribadeo están “El viejo roble, que foi un grande éxito; Veinte años, que é un son moi tradicional; e outros como Tres palabras, Dos gardenias, Frenesí o Sabor a mí”, avanza Tony González, quen destaca que para A Trova actuar neste evento ribadense “significa algo importante, sobre todo polo tipo de festa que é, porque se adapta tremendo ao repertorio e á formación que ten este grupo. Estamos contentísimos de ir tocar aíPalabras descoñecidas”.
Os responsables da formación musical coruñesa explican que “A Trova é a fusión perfecta de dúas culturas e o vínculo inquebrantable entre Galicia e Cuba. Este grupo musical une a paixón e o ritmo da música tradicional cubana coa rica herdanza musical galega. A Trova é unha agrupación única que representa unha simbiose artística e emocional entre dúas terras que compartiron unha historia común de emigración e superación. O que fai que A Trova Coruñesa se destaque aínda máis neste evento é a súa profunda conexión co Ribadeo Indiano. Unha parte do grupo, con raíces cubanas, representa a migración dos galegos cara a Cuba no pasado século, en busca dunha vida mellor. Pola outra banda, a outra parte do grupo ten as súas raíces fortemente arraigadas na Coruña e en Ribadeo. Esta combinación de culturas e historias reflicte na súa música e no mensaxe de unidade e resistencia que transmiten en cada unha das súas interpretacións”.
Ademais de Tony González e Chenchu López, actualmente A Trova Coruñesa está formada por: Manuel Malvís (guitarra e voz), Ángel Domínguez (voz), Luis Nuñez (voz), Kirenia Martínez (voz), Aida Román (voz), Juan Luís Escudero (guitarra e voz), Paco Fernández (voz), Moncho González (voz), Plácido Rodríguez (percusión), Kike Alvarado (baixo) e Ángel Martínez (teclado).
A asociación promotora de A Trova “leva xa uns 15 anos e somos bastante coñecidos na Coruña. O noso propósito como asociación cultural é recadar fondos co grupo musical para facer concertos solidarios e achegas para axudar a persoas que están nunha situación precaria puntualmente. Nós cantamos e tocamos porque é a nosa paixón e estamos nesta agrupación para pasalo ben e axudar ao mesmo tempo”, explica o presidente do colectivo e músico do grupo, Manuel Malvís.