Concello e Acisa fan un balance moi positivo do VIII Ribadeo Indiano, que rematou onte co concerto de Eliades Ochoa e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas que lle tocou á ribadense Sonia Fernández Amor.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “o Ribadeo Indiano foi todo un éxito, a nosa vila estivo completa, milleiros de visitantes acudiron ao Ribadeo Indiano, moitos veciños e veciñas gozamos desta cita. Creo que foi todo un éxito e seguirá sendo”.
Para o rexedor “o Ribadeo Indiano está consolidado. Iso xa o sabemos perfectamente todos. O que debemos é seguir mellorando, non caendo na autocomplacencia, senón mellorar e construír entre todos moitas máis propostas para seguir perfilando o Ribadeo Indiano que queremos no futuro”.
Vega subliñou que “o balance é moito positivo. Podemos estar a falar dun impacto económico de máis de 3 millóns de euros. Hoteis, restaurantes e comercios se viron claramente beneficiados. Este Ribadeo Indiano trouxo un impulso económico á nosa vila moi importante”.
E engadiu que “o Ribadeo Indiano saíu ben porque hai un traballo conxunto detrás. As persoas que fan grande esta cita son aquelas que colaboran e suman. Moitas grazas a todos os servizos do Concello, aos traballadores da limpeza, aos que se dedican ao montaxe, aos que fan posible que os eventos saian ben, aos técnicos de turismo que están a coordinar perfectamente todo, a Acisa por esa colaboración sempre aportando e sumando… creo que así é como se fan as cousas”.
O alcalde tivo palabras de agradecemento tamén para a veciñanza: “e tamén lles quero dar as grazas aos veciños e ás veciñas, porque é unha fin de semana na que cerran algunhas rúas, impídese o paso a algún lugar e algunha molestia sempre se causa, pero sempre hai esa reflexión: o Ribadeo Indiano suma moito, isto é algo importante para o noso concello e quedámonos con iso. Entre todos fixemos posible que o Ribadeo Indiano saíra ben, as cifras saíron ben, o impacto económico saíu moi ben e Ribadeo foi un exemplo a seguir durante toda esta fin de semana. Imos seguir coas propostas culturais e turísticas durante este verán, todas están practicamente preparadas e creo que vai ser un verán marabilloso para Ribadeo”.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, manifestou: “o balance que facemos desde Acisa é moi positivo. As imaxes están aí: rúas ateigadas de xente, hoteis completos, restaurantes dobrando das quendas das comidas e das ceas para atender toda a demanda existente, os comercios viron incrementadas as súas vendas ao longo destes días e tamén durante a fin de semana polo que nos comentan… a Ribadeo chegaron ducias de autobuses para disfrutar deste evento histórico cultural procedentes de diferentes localizacións de Asturias e de Galicia”.
Cruzado Iglesias contou que “onte o broche de ouro ao VIII Ribadeo Indiano púxoo unha lenda viva da música cubana, como é Eliades Ochoa, e o sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas. Son dúas citas que fan que o último día do Ribadeo Indiano manteña o tirón de toda a fin de semana. Ver desde o escenario o barrio de San Roque repleto de xente produce unha forte emoción e desde aí vese a dimensión enorme do evento”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo felicitou “á gañadora da viaxe a Cuba. Trátase de Sonia Fernández Amor. É unha veciña de Ribadeo, que viaxará a Cuba o vindeiro mes de setembro. A papeleta afortunada foille entregada no Mesón D’ Cata. Aproveito a ocasión para dar as grazas unha vez máis aos patrocinadores do sorteo, así como tamén a todas as administracións que dun xeito ou doutro apoiaron á Acisa”.
E engadiu: “o impacto económico do Ribadeo Indiano é importantísimo para esta vila, pero tamén para toda a contorna. Grazas a todas as persoas que traballaron, colaboraron e apoiaron á organización para que esta cita siga a ser o que é, todo un referente na nosa terra e tamén fora de aquí”.