No primeiro pleno ordinario da nova Corporación Municipal o equipo de goberno aprobou 400.000 euros de investimentos destinados a benestar social, a deportes, a melloras no parque infantil e á renovación da páxina web, segundo deu a coñecer o alcalde, Dani Vega.
O rexedor contou que “a pasada tarde noite celebramos o primeiro pleno ordinario. Creo que foi nun tempo récord, xa que o de organización tivémolo no cuarto día de mandato. Iso significa que lles puxemos solución a moitos problemas, por exemplo licencias urbanísticas que estaban paradas, e nosoutros o que queremos é incentivar a economía local”.
Vega subliñou que “neste pleno aprobamos un investimento de preto de 400.000 euros para actuacións a realizar en Benestar Social: melloras no centro de día por importe de 50.000 euros, na residencia de maiores do noso concello cunha inversión de 20.000 euros construíndo un espazo no exterior para poder celebrar actividades ou xantar. Creo que é importante mellorar a calidade de vida das persoas que alí residen. E imos adquirir un vehículo para as nosas residencias co obxectivo de contar con transporte propio e non depender de vehículos externos. Aquí a maior parte da subvención ven da Xunta de Galicia, máis 40.000 euros, e nos achegamos aproximadamente 6.000 euros”.
O alcalde seguiu a relatar: “si falamos de deportes, imos actuar no Campo de Outeiro, na Devesa, e tamén no pavillón de deportes de Covelas, cunha inversión total de 80.000 euros. Ao Campo de Outeiro, da Devesa, destinamos 50.000 euros para poder federar o devandito campo e así competir e no caso do pavillón de Covelas o investimento era unha vella demanda. No ámbito da infancia renovamos o parque infantil e imos investir na rúa San Francisco e na praza Pancho Maseda”.
Dani Vega explicou que “actuamos tamén no hangar de piragüismo e aquí o que queremos é poñerlle solución a un tema que nos preocupaba, entendo que a Deputación vai aportar o total da subvención, pero nos adiantamos 25.000 euros e agardamos que nos veña de volta aos orzamentos do Concello”.
O rexedor indicou que “actuamos no ámbito da celebración do Ribadeo Indiano cunha cantidade de 90.000 euros, pero esta cifra é un adianto porque aquí vainos botar unha man a Xunta de Galicia, para non depender tanto dos fondos propios do Concello. E quixemos darlle unha volta á páxina web do Concello, hai que modernizarse e actualizarse e a esta cuestión destinamos 15.000 euros”.
O alcalde ribadense considera que “lle estamos a poñer solución a temas moi importantes e fundamentais no noso concello. En 15 días xa estamos actuando en moitas obras necesarias por un valor de preto de 400.000 euros de inversión”.