O vindeiro sábado, 15 de xullo, celebrarase a carón da lonxa de Ribadeo a primeira edición da Festa da Ría, que contará con degustación de mexillóns e ostras e con música en directo. Está organizada pola Confraría de Pescadores e a asociación Catro Caños e conta coa colaboración do Concello. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliña que esta festa porá en valor o traballo do sector mariñeiro.
A edil ribadense explicou que “se trata dunha iniciativa da Confraría de Pescadores e da asociación cultural Catro Caños, que é tamén a responsable do Vendaval Fest que se vai celebrar dentro duns días. É unha festa gastronómica que nace para unir e poñer a labor e o traballo das xentes mariñeiras así como o produto do mar e da nosa ría, unha ría que une unha gran comarca e que, como din moitos, podemos considerar o paraíso natural das rías altas”.
A música correrá a cargo de Sintético Fantástico e da Charanga Mil9 dende a sesión vermú. “Por suposto, dende o Concello de Ribadeo apoiamos este tipo de iniciativas e seguiremos apostando e impulsando os colectivos e asociacións. Ao mesmo tempo que lles agradecemos o seu traballo e a súa implicación para un Ribadeo mellor”, engadiu a concelleira de Turismo.