InicioOrientalRibadeoPresentada a axenda cultural de Ribadeo que encherá todo o verán de...

Presentada a axenda cultural de Ribadeo que encherá todo o verán de actividades

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, relatou que “en canto ás artes plásticas, a asociación Francisco Lanza xunto coa familia de Xusto Moreda amosarannos en setembro unha retrospectiva da pintura e cerámica do ribadense, falecido hai un ano".

Publicada o

- Advertisement -

Festivais, cine, teatro, exposicións, Letras no Campo ou actividades para o público familiar son algunhas das propostas da axenda cultural de Ribadeo para este verán, que hoxe foron presentadas pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.

A edil ribadense dixo que “a programación de verán do noso concello comezou co Ribadeo Indiano, un fin de semana cheo de cultura e historia que vimos de pasar. Moitas das actividades que vamos presentarvos están organizadas por diferentes asociacións ribadenses, a maioría de xente moza, ás que quero agradecer as súas ideas e o seu traballo, e coas que desde o Concello colaboramos gustosamente. Por exemplo, o Vendaval Fest que terá lugar xa o 22 de xullo, organizado pola asociación Catro Caños, e o Xara Fest que será o 2 de setembro, en plenas festas patronais, ten como motor outro grupo de mozos ribadenses”.

Sanjurjo contou que “o Festival de Cine Curto de Ribadeo, na súa segunda edición, chegará ás salas do Cine de Ribadeo en agosto e celebrará a gala final no teatro contando con MBIRA-DUO como broche de ouro. As Xornadas de Historia Local, xa van pola vixésimo primeira edición da man da agrupación Francisco Lanza, e este ano ocúpanse de analizar o pasado, o presente, o futuro e as perspectivas de aproveitamento do monte ribadense e galego en xeral. E un ano máis teremos Palabras na Varanda, que nesta ocasión recolle textos de Fernández del Riego. Moitas grazas á veciñanza que colabora con esta actividade”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “en canto ás artes plásticas, a asociación Francisco Lanza xunto coa familia de Xusto Moreda amosarannos en setembro unha retrospectiva da pintura e cerámica do ribadense, falecido hai un ano. Por outra banda, a asociación Amigos da Gaita celebra o seu día grande o primeiro domingo de agosto. A Xira a Santa Cruz e festa da gaita galega conta este ano coa novidade dunha exposición os días previos na oficina de turismo. Será unha mostra arredor da figura do músico e compositor Francisco Landín, autor da Alborada de Ribadeo. A exposición inclúe visitas guiadas con Felipe Rea (previa inscrición).Tamén na sala de exposicións do Campo de San Francisco gozaremos en agosto da exposición de Vicente Prego”.

Begoña Sanjurjo indicou que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo e a Coral Polifónica de Ribadeo, coma todos os veráns, terán un protagonismo especial neste deseño cultural. A Banda ofrecerá o concerto do Día da Patria Galega, do día de San Roque e da Patrona. Tamén o Concerto de Músicas de Cine e participará no Festival de Bandas. A Coral, despois da extraordinaria actuación no Festival de Habaneras, deleitaranos cos concertos da Festa da Virxe do Carme e da Patroa Santa María do Campo, participando tamén como é habitual no Pregón das Festas. A música coral ten dúas importantes achegas neste verán xa que contaremos co Coro EncaixE, formación que en 2018 recibiu o Premio Martín Códax da música ó mellor proxecto vocal. Por outra banda o 30 de setembro actuará na nosa vila o Coro do Hospital de Lugo”.

A concelleira de Cultura dixo que “desde o Concello, colaboramos de novo tamén co Festival Bal y Gay, centrado na música clásica e de vocación mariñá e que en 2023 ten como protagonista absoluta a pianista María Joao Pires, que ofrecerá dous concertos en Ribadeo. As entradas para estes dous concertos e para o da soprano Rocío Pérez xa están esgotadas excepto unha poucas que se ofrecerán na taquilla eses mesmos días”

Sanjurjo subliñou que “merece unha mención especial, a finais de xullo o concerto 100 voltas, de Verónica Codesal, cantante belga-galega que participou en Eurovisión e forma parte dos grupos Urban Trad e Ialma. Nesta cita colabora a Xunta de Galicia igual que nos catro pertencentes a Roock by me, dos que gozaremos os mércores do mes de agosto”.

A edil engadiu que “entre as propostas dirixidas ó publico familiar están as actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona en xullo e a Orquestra de Camarote a comezos de setembro. Tamén as que se inclúen na nova edición de Letras no Campo, a feira do libro ribadense que se desenvolverá no Campo de San Francisco do 18 ó 20 de agosto. O último fin de semana de agosto celebraremos o Guateque dos anos 60, organizado por a comisión de Festas. Ademais para chegar relaxados ás festas patronais, o 31 de agosto no auditorio de Cabanela desfrutaremos do concerto minimalista de Arxis Percussion group. E remataremos o mes de setembro cunha función de A Adala, dentro do circuíto de teatro afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo”.

“Agardamos que estas suxestións sexan do interese da veciñanza e dos visitantes nestes meses estivais. Lembrade que podedes seguir a nosa programación a través do facebook de Cultura, do boletín semanal por correo electrónico e en papel no taboleiro do Cine Teatro”, rematou Begoña Sanjurjo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...