Tres tractores traballan na limpeza das infraestruturas de Ribadeo durante o verán. O Concello puxo en marcha tamén un plan de limpeza e baldeo das rúas e de conservación do mobiliario urbano.
O alcalde, Dani Vega, subliñou que “Ribadeo está traballando moi seriamente e correctamente dentro dunha programación de limpeza, baldeo e conservación do equipamento do mobiliario urbano. En definitiva estamos limpando e baldeando as rúas de Ribadeo, desbrozando e conservando os espazos públicos tanto nos xardíns como nas áreas recreativas. Como tamén estamos coa programación de desbroce, conservación e limpeza das áreas recreativas das nosas parroquias”.
O rexedor dixo: “e hoxe queremos poñelo de manifesto. Son tres os tractores que están limpando diariamente as infraestruturas do noso concello, a rede de estradas e tamén as áreas recreativas, xa que realmente estaba moi abandonado todo. E nestes primeiros días de goberno xa nos poñemos a concretar accións en cada parroquia e tamén na vila, en definitiva, poñer nunha situación de limpeza o noso concello”.
Para Dani Vega “se estamos dicindo por activa e por pasiva que Ribadeo é un pobo turístico, temos que ter as nosas rúas limpas. Se estamos dicindo que o noso rural ten un aproveitamento turístico e tamén dos distintos sectores económicos debemos conservar entre todos o rural. Todo o que se está facendo é dentro dunha programación moi concretada e dentro dunha planificación que imos seguir a partir de setembro porque agora contamos coa empresa que nos está colaborando nos meses de xullo, agosto e setembro, pero despois teremos que reforzar o noso servizo e traballar nesa liña de conservar o equipamento, limpar os espazos públicos e seguir nunha programación de desbroce e limpeza das infraestruturas do noso concello”.