Acisa Ribadeo organiza unha nova edición do seu Mercado de Rúa, que se celebrará os días 10, 11, 12 e 13 de agosto. A asociación de comerciantes ribadense sacará os produtos á rúa con grandes descontos. Con esta iniciativa pretende animar as compras nesta segunda fase das rebaixas e na época de maior afluencia turística.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinala que “con esta cita tratamos de sacar os produtos á rúa, facéndoos máis atractivos e accesibles para o comprador, ademais de aproveitar deste xeito a segunda fase das rebaixas de verán. Neste momento hai vinte e tres establecementos participantes, número que seguro que aumentará a fin de semana. Cabe destacar que, aínda que non todos saquen os seus artigos á rúa, todos seguen de rebaixas e é unha oportunidade única para que veciños e visitantes aproveiten os grandes descontos que atoparán estes días no comercio de Ribadeo”.
Pola súa banda, Jesús Pérez, xerente de Acisa, indica que “son máis de 20 negocios os que de momento comunicaron que sacarán os seus produtos á rúa, aínda así, durante estes días iranse anotando máis. Polo de agora confirmaron que participan na campaña R23, A Moda Sport, Catro Ventos, Anais, Pequerrechos, Opticalia, Naná, Mika, Mistic, ForFriends, Coco, Jatay, Saia, Serendipia, Dandara, Grisi, Farfala, Glass, Adele, Deportes Docobo, Bombones Moreno, BoutiquePippol´s e Vitaldent. Todos estes establecementos sacarán á rúa os seus artigos de forma que o cliente poida velos con maior facilidade. A estes hai que sumar os máis de 90 comercios asociados a Acisa, que están a liquidar stocks ou facendo descontos e ofertas especiais con motivo das rebaixas de verán”.
Pérez engade “sen dúbida esta fin de semana, veciños e visitantes teñen unha cita con Ribadeo. Creo que non hai mellor plan que vir, dar un paseo polas nosas rúas, ver os descontos e promocións do comercio, facer as mellores compras do verán e de paso gozar das nosas terrazas, tomando algo ao mediodía ou quedándose a comer e a cear para degustar a marabillosa gastronomía que ofrece a nosa hostalería”.
A presidenta de Acisa agradece “a participación dos establecementos nesta campaña na que se poderemos atopar, descontos especiais de ata o 60 %, 2×1 en produtos, prezos reducidos a 5, 10, 15, 20 e 30 euros e moito máis. O Mercado de Rúa é unha campaña organizada por Acisa Ribadeo, e conta co financiamento a colaboración do Concello de Ribadeo. Agradecemos a presenza da concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, que nos acompañou na presentación desta nova edición do Mercado de Rúa. Esperamos que turistas e veciños de todo a contorna gocen desta cita comercial”.