Acisa Ribadeo organiza unha nova edición do seu Mercado de Rúa, que se celebrará do 10 ao 13 de agosto. Máis dunha vintena de negocios sacarán os seus produtos á rúa con grandes descontos. Con esta iniciativa Acisa pretende animar as compras nesta segunda fase das rebaixas e na época de maior afluencia turística en Ribadeo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destaca que “con esta cita tratamos de sacar os produtos á rúa, facéndoos máis atractivos e accesibles para o comprador, ademais de aproveitar deste xeito a segunda fase das rebaixas de verán”. Os establecementos participantes son R23, A Moda Sport, Catro Ventos, Anais, Pequerrechos, Opticalia, Naná, Mika, Mistic, ForFriends, Coco, Jatay, Saia, Serendipia, Dandara, Grisi, Farfala, Glass, Adele, Deportes Docobo, Bombones Moreno, BoutiquePippol´s e Vitaldent.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, asegura que “todos estes establecementos sacarán á rúa os seus artigos de forma que o cliente poida velos con maior facilidade. A estes hai que sumar os máis de 90 comercios asociados a Acisa, que están a liquidar stocks ou facendo descontos e ofertas especiais con motivo das rebaixas de verán”.
Cruzado Iglesias e Pérez Prada animan “a achegarse estes días a Ribadeo ao Mercado de Rúa, que dará comezo mañá e prolongarase ata o vindeiro domingo. Ademais de comprar e pasear polas nosas rúas comerciais poderán gozar das terrazas, da gastronomía e da beleza monumental e paisaxística de Ribadeo”. O Mercado de Rúa é unha campaña organizada por Acisa Ribadeo, que conta co financiamento a colaboración do Concello de Ribadeo.