Os locais asociados a Acisa Ribadeo poderán gozar de ampliacións horarias as tres próximas madrugadas. Trátase de 2 horas máis sobre o seu horario habitual de licenza. Desde Acisa explican que “son as madrugada do 14 ao 15 de agosto (festivo nacional), do 15 ao 16 (festivo local) e do 16 ao 17 (verbena de San Roque).
Así o recolle a autorización aprobada polo Concello de Ribadeo no seu momento, tras a tramitación realizada pola nosa asociación”. Sinalan desde o colectivo empresarial: “iso quere dicir que os bares e cafeterías poderán pechar ás 4:30, os pubs ás 6 e as discotecas e salas de festas ás 8 da mañá”.
Desde Acisa subliñan que “aqueles negocios que queiran acollerse ás devanditas ampliacións poderán facelo. E aqueles que non, xa saben, que poden manter os seus horarios de peche habituais”.
E engaden: “cremos que se trata dunha vantaxe que Acisa achega ás súas asociadas e asociadas de hostalería, grazas á que quen queira pode aproveitar estes días de gran afluencia turística e de festexos para traballar un par de horas máis e por tanto rendibilizar máis o verán”.