“Foi nosa primeira Semana Náutica como directiva do club e non podemos estar máis orgullosos da participación e do traballo de todos os traballadores durante estes días”, afirma Pablo Fernández Ferreyra, presidente do Real Club Náutico de Ribadeo. E é que, durante os últimos días Ribadeo converteuse no epicentro do deporte náutico.
A realización de 9 regatas bateu récord de participación e, ademais, tanto as regatas como as actividades en terra, chegaron a un gran número de mozos da zona e visitantes. Durante esta edición, a categoría máis representativa da semana por participación e traxectoria, Vela Cruceiro, dous veteranos dominaron as regatas: Xiringüelu, de Ribadeo, alzouse co primeiro premio do XII Trofeo RCN de Ribadeo e o XII Trofeo Abanca; e Maremasma, de Foz, fíxoo nas regatas XII Trofeo ACISA e I Trofeo Fergil Auto.
Na cerimonia de clausura e entrega de trofeos celebrada o sábado, Ferreyra agradeceu a participación e daba os parabéns a todos os gañadores, “esperámosvos a todos na próxima edición”. Ademais, quixo destacar a novidade durante esta edición, a celebración do Semana Náutica Fest, unha festa que tivo lugar o venres 18 na que tanto participantes como ribadenses e turistas puideron gozar de comida típica galega e boa música.