Ribadeo acollerá do 1 ao 3 de setembro o I Trofeo Triangular Illa Pancha de baloncesto feminino no que se darán cita tres equipos da máxima categoría nacional da Liga Endesa: Perfumerías Avenida, de Salamanca; Araski, de Vitoria; e Ensino, de Lugo. O evento está organizado polo Club de Baloncesto Ría de Ribadeo e polo Concello.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que “debemos marcar nos nosos calendarios os días 1, 2 e 3 de setembro xa que terá lugar na nosa vila o primeiro Trofeo Triangular Illa Pancha no que contaremos con tres equipos de baloncesto da máxima categoría nacional da Liga Endesa Feminina. Estarán por primeira vez en Ribadeo o Perfumerías Avenida de Salamanca, o Araski de Vitoria e o Ensino de Lugo. No Concello estamos orgullosos de acoller un evento deportivo destas características”.
O edil ribadense explicou que “o venres 1 e o sábado 2 os partidos serán ás 20 horas mentres que o domingo 3 terá lugar ás 12.30 horas. Antes tamén xogarán as categorías inferiores de cada club. Xunto co CB Ría de Ribadeo desde o Concello queremos agradecer a oportunidade de celebrar un triangular desta categoría na nosa vila así como a colaboración de Droce”.
Silvent engadiu: “unha vez máis, desde o Concello de Ribadeo queremos mostrar o noso máximo apoio ao deporte feminino e convidar a todo o mundo a asistir a este evento sen precedentes na nosa vila”.
No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de Ibáñez, participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, e o presidente do CB Ría de Ribadeo, José Ramón Vázquez.