Beni Mántaras, xornalista
Asistín ao pregón de José Carlos Rodríguez Andina, acto co que comezaron as festas patronais de Ribadeo 2023. Aínda que cada vez me custa máis ir a eventos multitudinarios -e este foi porque o Teatro estivo repleto de público, como estaba previsto- gustoume estar alí e escoitar a un dos poucos políticos -dos moitos cos que me relacionei nos 35 anos que levo dedicándome á comunicación- que me tratou con educación, respecto e amabilidade sempre. E foi así mesmo cando ocupou cargos como a Alcaldía de Ribadeo e a vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.
O pregón de Andina foi sobrio e emotivo (falou de recordos familiares e tamén do recentemente falecido José Calavera Ruíz), mentres que a parte divertida do acto correu a cargo do presentador, Fabián Pérez, quen contou con moita graza que cando era un neno xa mantivera algúns encontros co alcalde José Carlos para reclamarlle lugares onde xogar ao balón sen molestar a ninguén, iniciativa que mesmo fora publicada nos medios de comunicación da época.
Con este pregón as festas de Ribadeo comezaron co listón moi alto. Esperamos que se manteña ese nivel, para o que é importante que as previsións meteorolóxicas para os próximos días non se cumpran, como sucede con frecuencia nesta zona.