O alcalde, Dani Vega, convida a achegarse á degustación de produtos do mar que ten lugar hoxe e mañá na contorna da praza de abastos de Ribadeo en horario de 12 a 15 horas polas mañás e de 18 a 21 horas pola tarde. A chegada desta iniciativa á vila está promovida pola Consellería do Mar, pola lonxa de Ribadeo e polo Concello.
O rexedor contou que “estamos traballando para impulsar os produtos do mar, de proximidade, por iso o Concello, a Consellería do Mar e a lonxa de Ribadeo queremos promover a cultura activa, a cultura da degustación e da promoción dos produtos do mar”.
Para Dani Vega “é fundamental apostar polos produtos de quilómetro cero e pola alimentación saudable e por iso os días 4 e 5 de setembro promovemos unha degustación, unha promoción dos produtos do mar e de proximidade. Con isto tamén queremos defender e promover o relevo xeracional e os traballadores do mar. Desde logo é unha profesión digna e debemos traballar para que haxa ese relevo xeracional e así garantir a profesionalización do sector e tamén promover as súas artes”.
O alcalde dixo que “esa degustación e promoción que vai haber na contorna da praza de abastos o 4 e 5 de setembro quere animar a todos a consumir os produtos do mar, a impulsar tamén a súa venda e a poñer en valor a labor dos mariñeiros e mariscadores”.
Vega engadiu que “isto beneficia ao conxunto da sociedade e eu creo que tamén Ribadeo é un dos marcos perfectos para promover este tipo de actividades. Toda esta iniciativa vai contar con amenización musical e así animar a que acudamos tanto hoxe como mañá a degustar, promover e disfrtutar todos dos produtos do mar”.